Site icon Crónica3.com A Mariña

Critica o BNG a falta de interese da Xunta pola estrada da Costa, que agora adía para o 2017

NOTA DE PRENSA
Os nacionalistas critica no silencio de Blanco sobre os tramos de competencia estatal.

Veiga esíxelle coherencia aos Deputados do PP de Lugo no Pleno do día 10 no que se debate unha PNL sobre a VAC.

O BNG considera que a xuntanza de Ortigueira certifica a falta de interese da Xunta sobre a VAC.

O Bloque Nacionalista Galego considera decepciónante, para os intereses da Costa de Lugo, o resultado da reunión mantida o pasado Venres en Ortigueira entre os Alcaldes dos concellos por onde discorre a VAC Barreiros – Ferrol e o Conselleiro, Agustín Hernández na medida que o goberno autonómico sigue a manter o 2017 como data para entrada en servizo do conxunto dos tramos deste vial. “O Sr Hernández non aportou nada novo ao que xa sabíamos, aínda peor, volveu a ratificar os prazos anunciados que significan que ate 2017, no mellor dos casos, non vai estar en funcionamento a VAC” afirmou Veiga quen manifestou a súa preocupación polo feito de que a Xunta de Galiza non ten intención de modificar a súa planificación viaria para o norte galego.

Os nacionalistas entendemos que as previsións temporais que manexa o Goberno da Xunta significa unha nova marcha atrás para a zona, particularmente polo feito de que se traslada para despois de 2013 o gordo das actuacións e tamén porque o tramo Covas-Espasante queda para o final de todo, co que significa deixar aillado ao Concello de Viveiro e de Vicedo. “Os representantes institucionais da Mariña non poden quedar calados diante destes feitos, e máis cando a maioría dos Concellos da Mariña teñen aprobados acordos de instar a Xunta a que esta obra estea rematada no horizonte de 2013. Non podemos esquecer que Concellos de diverso sino teñen aprobado mocións, polo que agardamos que os seus representantes mostren a súa desconformidade con claridade diante desta postura”, recalcou o Portavoz Nacionalista.

O Responsábel Comarcal do BNG denunciou que a escusa que utiliza o Conselleiro Hernández para retrasar os prazos previstos de execución da obra, son de falta de dispoñibilidade orzamentaria, sen embargo noutras zonas de Galiza non só non se paralizan actuacións en execución senón que se acometen novas obras de infraestruturas.”¿Por qué lle toca a Mariña de Lugo cargar cos recortes orzamentarios?, ¿por qué sempre lle toca apandar cos retrasos ao norte galego?, ¿por qué é este vial o que acumula máis atraso na súa construción da rede viaria galega?,¿non será que para a Xunta o norte galego xoga un papel residual?”, preguntouse Veiga, que volveu a reclamar unidade de acción entre os diferentes Concellos afectados para garantir que esta obra sexa unha realidade.

Os nacionalistas tamén queren anunciar que o vindeiro xoves, 10 de Decembro, o Pleno do Parlamento Galego vai debater unha proposición non de lei do BNG, idéntica a probada por unanimidade na Deputación de Lugo e nos Concellos da Mariña, onde se urxe á Xunta e ao Goberno Central para que se destinen fondos que permitan que a VAC Barreiros – Ferrol estea remada no horizonte de 2013. “Agardamos que os parlamentarios lucenses do PP non lle fallen A Mariña e sexan consecuentes co que defenden os seus compañeiros na Corporación Provincial ou nos Concellos da Costa. Abonda cun voto do PP a esta proposta para que a mesma prospera, polo que non queremos pensar que van antepoñer os intereses do PP aos da súa zona e ás demandas dos cidadáns que representan”, afirmou Veiga.

O BNG tamén quere denunciar o silencio do Ministro de Fomento, o Sr. Blanco, que na súa xira galega de fin de semana, tivo tempo para opinar de todo o opinábel, pero volveu a esquecer o referirse a esta obra. “E sangrante a posición do Ministerio de Fomento en relación cos tramos da súa competencia, posto que a día de hoxe o único que temos é un Estudo Informativo, pero descoñecemos o trazado posto que non resolveron aínda as alegacións que se lle fixeron ao mesmo. Unha análise aos Orzamentos do Estado desde 2002, primeira anualidade que había que proceder a dotar de fondos a obra ate hoxe, indícanos que o Goberno do Estado se toma esta obra de chirigota”, recalcou Veiga.

Exit mobile version