Site icon Crónica3.com A Mariña

Cos actuais orzamentos é imposíbel rematar a obra da VAC Barreiros-Ferrol antes de 2017, asegura o BNG

Nota de Prensa
O BNG esixe algo mais que declaracións de intencións por parte de Xunta para a VAC da Costa

Veiga afirma que cos actuais Orzamentos é imposíbel rematar a obra antes de 2017

O Bloque Nacionalista Galego considera fundamental a unidade de acción do conxunto das forzas sociais e políticas da Mariña a fin de axilizar as obras da VAC Barreiros-Ferrol de cara a garantir o seu remate no horizonte de 2013. neste sentido valoramos moi positivamente a unanimidade acadada na Deputación de Lugo na pasada sesión plenaria a respecto deste tema e agardamos que a mesma se traslade ao Parlamento Galego e ao Congreso dos Deputados.

O Portavoz Comarcal do BNG afirmou hoxe que “é necesario que esa vontade de acordo manifestada na deputación de Lugo e nas Corporacións mariñás onde se someteu esta moción a debate se verifique esta semana no debate as emendas dos Orzamentos da Xunta. Agardamos que os Deputados do PP das comarcas da Mariña, Ortegal e Ferrolterra apoien as nosas emendas ao respecto a fin de garantir aumentar os investimentos na mesma en case oito millóns de Euros”.

Veiga agradeceu a “valentía política dos Deputados Provinciais do PP que na sesión do Pleno Provincial co seu sentido de voto, someteron a unha emenda a totalidade os Orzamentos da Xunta. Na mesma liña merece tamén o noso recoñecemento a posición do Grupo Socialista que tamén desautorizaron as contas públicas do Goberno do Estado que sigue sen comprometerse co tramo Barreiros – San Cibrao. O Goberno do Estado e o da Xunta non poden mirar para outro lado diante da reivindicación unánime do norte galego, polo que deben rectificar a súa planificación viaria para esta zona”.

O dirixente nacionalista esixiu que o Estado e a Xunta se senten para concretar prazos e investimentos que garantan o remate na obra no horizonte de 2013. “Está en xogo o futuro do norte galego, non actuar con urxencia nesta cuestión, significa aumentar o atraso comparativo dos nosos territorios coa Galiza atlántica. Nos non nos resignamos fronte a un deseño que nos marxina, polo que dunha maneira ou doutra o Goberno e a Xunta teñen que mover ficha para resolver esta situación”, recalcou Veiga.

O Responsábel Comarcal do BNG da Mariña quixo valorar as declaracións da Consellaría de Medio Ambiente. “Agardamos que a posición que ven de expresar a Consellaría do ramo, non fique nunha declaración de boas intencións. Parécenos un paso adiante que agora matice a súa previsión inicial do 2017 en base a prudencia. Agora ben coa planificación Orzamentaria que recollen os Orzamentos deste ano, no que trasladan máis da metade do investimento para os exercicios de 2013 e seguintes é autenticamente imposíbel que esta obra estea rematada antes de 2017”.

Na mesma liña os nacionalistas queren denunciar o importante recorte Orzamentaria que leva adiante o Goberno do PP para esta actuación posto que se nos Orzamentos de 2009 recollíase para os tramos lucenses do corredor un investimento 17,6 millóns de euros para o 2010, nos Orzamentos de 2010 redúcese a inversión para o exercicio 2010 a só 4,5 millóns de euros o que significa unha baixa en números redondos de 13,1 millóns de euros e un descenso en termos porcentuais de máis do 75%.

O Responsábel Comarcal do BNG denunciou tamén que a paralización do corredor co alongamento no remate da obra ate 2017 non só significa un problema na vertebración territorial do norte galego senón que sitúa  á Mariña nunha situación de desventaxa a hora de enfrontar a crise económica.”O investimento público ten que xogar un papel central na dinamización económica, particularmente nos momentos de crise, incentivando a actividade e inxectando financiación a fin de tirar da economía e da creación de emprego. As contas do PP para 2010 evidencian que o Goberno Feijoó non só está incapacitado para sacar a Galiza da crise senón que o combate da mesma non é unha prioridade”

Xa por último os nacionalistas consideran que as últimas semanas do ano van ser cruciais para coñecer as intencións reais das administracións implicadas a respecto deste vial, dado que vai ser motivo de debate tanto no Parlamento de Galiza como no Congreso dos Deputados.

Exit mobile version