Site icon Crónica3.com A Mariña

O PP pedirá que o Estado invista “unha cantidade similar” a prevista pola Xunta na estrada da costa

Nota de Prensa

A iniciativa contou co voto favorable de todas as  forzas políticas, e agora será trasladada ao resto dos concellos da Mariña onde se vaia a debater proposta para axilizar a construción desta infraestrutura

O PLENO MUNICIPAL DE CERVO APROBA RECLAMAR AO GOBERNO CENTRAL QUE COMO  MÍNIMO INVISTA NO TREITO ESTATAL DO CORREDOR UNHA CANTIDADE SIMILAR AO PREVISTO POLA XUNTA NO TREITO DA  SÚA COMPETENCIA

·        O Goberno de Feijóo prevé investir no treito lucense da súa competencia 32,3 millóns de euros  pola adxudicación das obras entre San Ciprián e Celeiro, e 5,8 millóns de euros máis, consignados  nos orzamentos de 2010.

A Mariña, 03 de decembro de 2009.-  O Pleno Municipal do Concello de Cervo, co voto  unánime de todas as forzas políticas,  acordou reclamar ao Goberno central que, como mínimo, invista no treito da súa competencia unha cantidade similar ao previsto pola Xunta para o tramo lucense do corredor. Segundo o reparto establecido no seu día ao Goberno do Estado correspóndelle executar o treito do corredor que une as localidades de San Ciprián (en Cervo) e Barreiros (conexión coa autovía do Cantábrico) mentres que á Xunta de Galicia deberá  construír o treito entre San Ciprián e Ferrol.

O Executivo  que preside Alberto Núñez Feijóo aprobou un orzamento de 32. 329.182 euros para a adxudicación das obras desta vía entre Celeiro e San Ciprián (DOGA 21/07/2009) e, a maiores disto, consignou unha partida orzamentaria expresa nas contas da Xunta para 2010 próxima aos 5,8 millóns de euros (4.554.830 euros para obras e 1.277.032 euros para expropiacións). A devandita situación contrasta co comprometido polo Goberno central para o treito da súa competencia que ascende a uns raquíticos 10.000 euros.

Resulta complicado comprender a posición belixerante do PSOE que reclama na Xunta a necesidade de axilizar as obras desta vía cando desde o Goberno central, nin compromete, nin achega, nin executa, o orzamento necesario para que tamén esta vía poida entrar en servizo nun prazo temporal próximo.

O Partido Popular da Mariña trasladará esta mesma petición, acordada polo Pleno municipal de Cervo, ao resto dos concellos da nosa bisbarra nos que aínda está pendente de debaterse a proposta sobre a axilización das obras do corredor. Deste xeito buscará un acordo unánime do conxunto das entidades locais da nosa  comarca en apoio da importancia desta nova vía, chamada a vertebrar e comunicar o norte das provincias de Lugo e A Coruña.

Exit mobile version