Nota de Prensa
O Parlamento de Galicia deu no día de onte luz verde as contas autonómicas para o ano 2010, deseñadas polo Goberno de Feijóo que suporá un investimento de 583 euros por cada veciño da Mariña unha cifra superior á media lucense e á media galega
A XUNTA DESTINA 20 MILLÓNS DE EUROS PARA OBRAS OU SERVIZOS DETERMINADOS NA MARIÑA LUCENSE, UN 34% MÁIS QUE O GOBERNO BIPARTITO
* O corredor da costa con 5,8 M€, a mellora da Lu-862 con 3,59 M€, e a rehabilitación da estrada entre Ferreira –Cangas de Foz principais actuacións por montante económico en materia de infraestruturas.
* Tamén salientaron os máis de 1,7 millóns de euros que o Executivo do PPdeG destinará aos parques empresariais da Mariña, como fórmula para apostar pola creación de empresas e a xeración de novas oportunidades de emprego
* Para “reformas varias no Hospital da Costa” segundo as previsións do “plan director” o novo Goberno achegará 1,02 millóns de euros. Esta cantidade supera en preto dun 51% a cantidade consignada para este fin polo bipartito
A Mariña, 17 de decembro de 2009.- No día de onte o Pleno do Parlamento de Galicia deu luz verde as contas autonómicas para 2010, os primeiros orzamentos elaborados polo Goberno de Alberto Núñez Feijóo destinan máis de 20 millóns de euros para obras ou servizos determinados na Mariña lucense, isto é un 34% superior ao previsto polo Goberno bipartito no 2009. O investimento por habitante na nosa comarca superará os 583 euros, unha cifra maior que a media lucense e superior ao conxunto do investimento medio galego.
Os datos non deixan espazo para dúbidas, mentres que no 2009 a Xunta bipartita prevía achegar 14,9 millóns de euros, os primeiros orzamentos populares elevan esta cifra por riba dos 20 millóns de euros. E isto se falamos de partidas específicas xa que, se incluímos o conxunto das partidas xenéricas territorializadas, isto é, partidas xenéricas pero que acabarán por executarse nalgún dos concellos da nosa comarca a cifra final sería de 44,11 millóns de euros, isto é un 194% máis que co PSOE e o BNG.
Os principais investimentos da Xunta popular no ano próximo estarán dirixidos ao fomento das infraestruturas, ao solo industrial, e ao Hospital da Costa.
UN 16% MÁIS DE RECURSOS PARA O CORREDOR
Así por exemplo a Vía de Altas Prestacións, máis coñecida como o corredor da costa recibirá tan só para os treitos lucenses 5,8 millóns de euros. Os orzamentos para 2010 achegan para obras e expropiacións nesta infraestrutura –no seu conxunto- un 16% máis de recursos financeiros ca no 2009. Xa que mentres que co bipartito achegábanse 15,1 millóns de euros o PPdeG eleva esta cifra ata os 17,5 millóns de euros.
Outras actuacións en materia de infraestruturas contempladas nestes orzamentos son a mellora da Lu-862 con 3,59 M€, e a rehabilitación da estrada entre Ferreira –Cangas de Foz.
Os populares da Mariña tamén quixeron salientar os máis de 1,7 millóns de euros que o Executivo do PPdeG destinará aos parques empresariais da nosa comarca, como fórmula para apostar pola creación de empresas e a xeración de novas oportunidades de emprego. A Xunta achega fondos para o polígono de Valadouro-Alfoz (93.046 euros), Viveiro (1,3 M€), Barreiros 2ª fase (157.022), A Pontenova (80.000)
O HOSPITAL DUPLICA O ORZAMENTO PARA OBRAS
Finalmente, os populares destacan que, para “reformas varias no Hospital da Costa” segundo as previsións do “plan director” o novo Goberno achegará 1,02 millóns de euros. Esta cantidade supera en preto dun 51% a cantidade consignada para este fin polo bipartito, desmentindo polo tanto as informacións que en sentido contrario queren facer crer desde os grupos da oposición.
De feito, como pode consultarse na relación de gastos incluída nos orzamentos para 2010, mentres que no ano 2009 a Xunta tan só prevía investir 681.006 euros nas obras de ampliación da estrutura do Hospital, o novo Goberno eleva esta consignación ata 1.028.156 euros, unha cifra notablemente superior