Site icon Crónica3.com A Mariña

Calcula o BNG que a Deputación “adxudicou máis de 36 mil euros” ás asociacións culturais e clubs deportivos de Xove

Nota de Prensa

A Área de Cultura e Deportes da Deputación adxudicou máis de 36.000 € en axudas ás asociacións culturais e clubes deportivos de Xove durante o 2009

O departamento provincial, dirixido polo nacionalista Antonio Veiga Outeiro, destina o diñeiro tanto a actividades organizadas directamente pola súa área como a axudas directas ao Concello e mais a diferentes colectivos culturais e deportivos xovenses.

No BNG de Xove felicitáronse polos investimentos realizados pola Área de Cultura e Deportes ao longo do ano 2009 (bases publicadas no 2008). O responsábel local do Bloque, Marco López, manifestou onte que o departamento nacionalista da Deputación de Lugo achegou ás arcas dos colectivos veciñais, entidades culturais e asociacións deportivas de Xove un total de 36.288,30 €.
Este financiamento serviu para acontecementos tan variados como levar a cabo xornadas de teatro, sufragar festas patronais, gozar co folclore tradicional, acondicionar a antiga Cámara Agraria para Sala de Exposicións ou, incluso, a instalación dun equipamento de megafonía.
En canto ás actividades deportivas que se desenvolveron no Concello de Xove, a administración nacionalista dirixiu as axudas, entre outras, ás tiradas de bolos tradicionais (2.005,75 €), ao Clube Baloncesto Xove (2.100 €), tamén á U.D. Xove-Lago (4.700 €), ao Clube Natación Xove (4.500 €) e destináronse 3.100 € para a ACD Xove. Do mesmo xeito, o XX Torneo de Fútbol Sala recibiu 1.757,56 € da área nacionalista e a IV Foliada da Mariña, organizada pola Asociación Cultural Saíñas (www.sainhas.org), financiouse con 4.786,78 €. Ademais disto, Saíñas percibiu outros 3.000 € máis da área nacionalista pola súa participación no programa de impulso das agrupacións musicais da nosa provincia, en colaboración coa Obra Social de Caixa Galicia.
Estas axudas achegadas pola Área de Cultura e Deportes véñense unir ás subvencións de máis de 130.000 € outorgadas polo departamento de Benestar Social da Deputación, destinadas a actividades relacionadas coa conciliación familiar e laboral e mais coa asistencia domiciliaria á xente maior. “As áreas nacionalistas da Deputación tratan moi ben o noso Concello”, resaltou o responsábel local do BNG en Xove,  “por iso é de ben nacido agradecerlles esta xestión transparente e aberta ás nosas demandas e necesidades”.
Así mesmo, Marco López tivo coñecemento de que hai algúns colectivos na provincia que aínda non cobraron a axuda por dificultades da Administración para contactar cos representantes das entidades culturais ou deportivas en cuestión. Polo que, de ser este o caso dalgunha entidade de Xove, López ofreceuse a “que se poñan en contacto co grupo municipal do BNG ou comigo mesmo para resolver o problema e que os servizos de intervención da Deputación permitan ordenar o pagamento”.

Exit mobile version