BURELA (FNC). Cos votos a favor de PSOE e BNG quedou aprobado no pleno celebrado hoxe o convenio de colaboración entre o Concello e a asociación Amigas e Amigos da Banda de Burela, para a promoción da banda de música. O alcalde, Alfredo Llano, asegurou que “así a banda contará con certa autonomía para organizar e realizar as súas cousas, pero sempre seguirá vencellada ao Concello. Penso que esto será moi positivo tanto para a banda como para o Concello”. Os populares votaron en contra deste punto.
Tamén quedou aprobado cos votos a favor do bipartito a solicitude á Xunta de Galicia para a construción dunha nova escola infantil en Burela. Segundo explica o rexedor “o PP presentou unha emenda a este punto, queríannos impoñer que no prazo de tres meses presentásemos un proxecto no que aparecesen recollidas as necesidades e os espazos cos que contamos para este fin. Nós rexeitamos esta emenda porque primeiro temos que saber si contamos con espazos na Casa do Mar e despois sería cando habería que facer unha proposta para adicar esas instalacións a escola infantil ou para as persoas maiores. Xa digo que rexeitamos unha emenda que ademais foi presentada cinco minutos antes do inicio do pleno, e quedou aprobado cos votos a favor de PSOE e BNG e os contrarios do PP o punto que ía a pleno”.
Na sesión ordinaria celebrada esta mañá no Concello de Burela sometéronse a debate e a aprobación dúas mocións presentadas polo populares. Unha relativa ao Plan E-2010 e outra ao pago das débedas a proveedores que poida ter o Concello. Alfredo Llano sinalou que “coa moción sobre o Plan E querían forzanos a convocar unha xunta de voceiros para analizar e debatir as obras que irán ao devandito plan. Só tiñan intención de condicionar esa xuntanza, porque días atrás xa lles comentei que non presentasen a moción porque non teño inconvinte en reunir aos portavoces para falar deste asunto. De momento non foi posible realizar ese encontro porque estamos traballando e vendo os proxectos que podemos incluir aí. A moción foi, polo tanto, rexeitada polo equipo de goberno”. O rexedor engadiu que “tamén votamos en contra da outra moción coa que pretendían que nos comprometésemos a pagar as débedas do Concello no prazo duns catro meses. Nós dixémoslles que hoxe por hoxe, sen saber os fondos cos que vamos a contar, sería irresponsable realizar ese compromiso, de aí que decidísemos rexeitar dita moción presentada polo grupo municipal popular”.