Nota de Prensa
OS VECIÑOS DE CERVO PODEN PLASMAR A SÚA REPULSA NO LIBRO DE SINATURAS CONTRA A VIOLENCIA DE XÉNERO
Cervo, 14 de decembro de 2009.- A concelleira de Asuntos Sociais do Concello de Cervo, Pilar Armada, recibiu esta mañá de mans da edil de Igualdade de Burela, Neves Cando, o libro de sinaturas contra a violencia de xénero que segue o seu percorrido polos concellos galegos.
Armada dixo que esta iniciativa promovida polo Concello de Betanzos é unha boa oportunidade para que a cidadanía amose a súa repulsa “contra esta lacra social que supón a violencia de xénero” e convidou a tódolos veciños de Cervo a sumarse coa súa firma.
A andaina deste libro na comarca comezou o 30 de xullo en Ribadeo e continuou polos Concellos de Barreiros, Foz e Burela ata chegar a Cervo. Segundo indicou a concelleira, o libro permanecerá nas dependencias municipais durante 15 días e despois trasladárase ata a Casa da Cultura de San Ciprián outros 15 días máis “para que todo aquel que queira adherirse poda facelo” indicou.
Unha vez remate a súa estadía, o libro seralle entregado ao concello de Xove para que continúe así a captación de firmas.