ALFOZ .- A Liga Céltiga Galaica (LCG) convocou a súa asemblea anual o vindeiro sábado, 12 de decembro, ás seis da tarde, no Bar San Pedro, na parroquia de Mor, en Alfoz. Posteriormente celebrarase unha cea de confraternidade no mesmo local, ás dez da noite. A LCG é unha asociación cultural-ecoloxista de ámbito galego, con sede na Coruña. Na bisbarra do Valadouro céntrase no estudo, difusión e protección do patrimonio arqueolóxico e natural, através da revista O Prado das Chantas e de roteiros in situ
NOTA DE PRENSA DA LCG
A Liga Céltiga Galaica (LCG) vai celebrar a súa asemblea anual o vindeiro sábado 12 de decembro, ás 18:00 h., no Bar San Pedro, na parroquia de Mor, en Alfoz.
Ese mesmo día celebraráse unha cea de confraternidade nese mesmo local, ás 22:00 h.
A xuntanza vai contar coa presenza do presidente nacional do colectivo, Manoel Camba Gaioso, quen estará toda a fin de semana na bisbarra do Valadouro pra manter contactos cos responsábeis doutros colectivos sociais, cara ao estabelecemento de posíbeis alianzas estratéxicas no eido ecoloxista e a defensa do patrimonio cultural.
Na asemblea debatiráse o programa de traballo prao 2010 e nomeadamente o modelo de colectivo que desexan os socios prá bisbarra do Valadouro, xa que dende marzo do 2005 (cando sae á luz por vez primeira a revista local O Prado das Chantas) o número de socios medrou exponencialmente, ao actuar o boletín mensual como catalizador.
Unha boa parte dos socios pretenden reformular o funcionamento cotián da LCG nos concellos de Alfoz e Ferreira aproveitando a súa implantación no val do río Ouro, e camiñar cara a conversión do colectivo nunha forza social reivindicativa en todos os eidos sociais, superando deste xeito -sen abandonalos- os ámbitos ecoloxista e cultural.