BURELA (FNC) .- Un total de 31 traballos se presentaron ao terceiro concurso de microrelatos sobre a violencia de xénero que convocou o CIM de Burela. A edil de Igualdade, Neves Cando, sinalou que “se trata da terceira edición deste concurso que xurdiu no ano 2007 para que o público en xeral e especialmente o alumnado de secundaria do noso concello reflexionase sobre a violencia de xénero, as causas, as consecuencias e a repercusión social desta lacra que ano a ano remata coa vida de moitas mulleres”.
Hoxe entregáronse os premios aos gañadores desta terceira edición coincidindo coa edición dos relatos do ano pasado. O primeiro premio, dotado con 150 euros e diploma, resultou elexido o relato de Jennifer Rodríguez Suárez, alumna de segundo de bacharelato do IES Monte Castelo, que “cunha metáfora dos efectos do vento nunha árbore exemplifica a violencia de xénero e anima ás mulleres a non deixarse derrubar por estes malos ventos”. O segundo premio, dotado con 100 euros e diploma, foi para Juan Luis Moreno Cazorla, “un veciño de Burela que nos transmitiu no seu texto a necesidade de rexeitar o medo e a autoculpa e loitar para sair desta situación”. E o terceiro premio, con 75 euros e diploma, foi para Manuel Orol Tallón, tamén alumno do IES Monte Castelo de Burela, “neste caso o texto reflexa tamén unha realidade moi habitual nesta problemática da violencia de xénero, a necesidade que teñen algunhas mulleres víctimas desta violencia de buscar unha xustificación ao comportamento dos maltratadores ou a ocultación deste comportamento baixo a máscara do amor”.
Neves Cando agradeceu “a todos os participantes nesta terceira edición as súas reflexións plasmadas nos seus relatos”.