Dende o ano de inicio do Proxecto Ríos, o número de participantes aumentou considerabelmente. Na actualidade contamos con 283 grupos, e cos resultados das inspeccións realizados por este voluntariado, elaborouse un informe anual do estado dos ríos galegos.
As bacías máis estudadas son as das Rías Baixas e a do Miño, que acadan entre ambas unha porcentaxe que rolda o 80% das inspeccións. A porcentaxe restante repártese entre as bacías do Arco Ártabro e Fisterrá, as do Limia-Douro e as bacías que verten ao Cantábrico.
En función dos datos recibidos, podemos afirmar que o estado de saúde dos treitos analizados en 2009 era maioritariamente bo tanto na campaña de primavera como outono (cun 58 e 57% de treitos respectivamente). No entanto, observáronse treitos con primeiros síntomas de deterioro, deficientes e incluso graves, porcentaxe que incrementouse un pouco respecto ao 2008. Isto ven a indicar que os nosos ríos están a experimentar unha deriva na que se vén apreciando unha regresión no seu estado de saúde.
Estes datos vense constatados tamén polo estado de conservación do bosque de ribeira. Nas condicións das marxes dos ríos inspeccionados durante as dúas campañas, apréciase un aumento das alteracións importantes e das marxes moi degradadas.
En primavera, ríos con saúde deficiente foron o río Sar ao seu paso por Santiago de Compostela, o río Bellele en Neda, o Tambre ao seu paso por San Xoán de Fecha, o río Currás en Vilanova de Arousa, os ríos Saído e Migués en Ferrol e o Limia en Xinzo.
De saúde grave atopouse un treito inspeccionado do río Sar. Ningún río estudado polo voluntariado do Proxecto Ríos amosou unhas condicións de saúde moi graves.
En outono, con saúde deficiente temos os ríos Gafos, Lagares, Tambre, Loña e Limia. Amosou saúde grave o río Forxá ao seu paso por Guitiriz.
En 2009 repetimos tamén a colaboración co Ministerio de Medio Ambiente dentro do programa de Voluntariado en Ríos da citada entidade. Desta volta continuouse cos traballos iniciados en 2008 centrados na erradicación de especies exóticas invasoras. O encontro tivo lugar durante tres fins de semana do mes de outubro e para a realización destes traballos se elaborou un protocolo de actuación. Aos voluntarios proporcionouselles o material apropiado (traxes e botas de auga, luvas e gafas de protección, ferramenta axeitada), así como un caderno divulgativo para o recoñecemento destas especies. Ademáis cada participante contou cun seguro de responsabilidade civil e de accidentes colectivos. A iniciativa tivo moi boa acollida polas participantes e terá continuidade en anos vindeiros. No campamento participaron cerca de 60 persoas e se retirou aproximadamente 800 Kg de especies exóticas invasoras vexetais.