Site icon Crónica3.com A Mariña

A Xunta volveu excluír á Deputación de Lugo do Plan Impulsa

LUGO .- O Presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, manifestoulle ó Conselleiro de Presidencia, Alfonso Rueda, este mércores por escrito o seu “malestar pola inexplicable exclusión” ó non ser convidado á reunión do programa Impulsa Lugo, celebrada o pasado luns 28 de decembro na Delegación da Xunta de Galicia lucense.

Gómez Besteiro que se enterou da xuntanza polos medios de comunicación, explica na súa carta que a Deputación xa non fora convocada en tempo e forma á anterior xuntanza, celebrada do mes de outubro, e malia que no escrito da Consellería de Presidencia dirixido ó Presidente do organismo provincial se especificaba literalmente: “de xeito que poida ser convocado ás sucesivas reunións da Comisión de Seguemento, creada ó efecto e que no futuro vaian tendo lugar”.

Gómez Besteiro reitererou hoxe a disposición da Deputación a participar neste programa, así como a poñer á disposición do mesmo o primeiro Plan Estratéxico Provincial que a institución luguesa vén de rematar en colaboración co Centro de Investigación Económica e Financieira da Fundación Caixa Galicia, “o que lle permitirá á administración autonómica aforrar o custe da contratación doutro Plan para o programa Impulsa”. O titular provincial xa lle ofrecera o documento elaborado coa entidade financiera ó Presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, na reunión que os dous dirixentes mantiveron o pasado 20 de outubro en Santiago de Compostela.

Precisamente, os Presupostos da Deputación de 2010 aprobados no día de onte foron elaborados seguindo o Plan Estratéxico. Baixo o lema do organismo provincial de que “xuntos aforramos máis”, Gómez Besteiro agarda que a Xunta corrixa a postura adoptada.

Exit mobile version