SANTIAGO .- O Consello da Xunta autorizou o convenio de colaboración entre a Consellería de Traballo e Benestar e a Fundación Preescolar na casa. Así, o Goberno galego destina un total de medio millón de euros para dar continuidade a este programa.
O obxectivo deste proxecto é alcanzar o desenvolvemento integral do neno, especialmente nas súas primeiras etapas, así como axudar á familiar a reforzar a súa confianza como educadores e incrementar as súas destrezas para mellorar as prácticas educativas. Ademais, este programa tamén ten como fin a promoción da cultura e da lingua galega e a súa normalización.
Segundo os últimos datos dos que se dispoñen –referentes a 2008-, este proxecto estivo presente en 270 concellos e beneficiou a máis de 4.400 familias e máis de 4.600 nenos e nenas.
‘Preescolar na casa’ promove o establecemento de contactos presenciais coas familias para enriquecer e, de ser o caso, mellorar a educación dos fillos a través de distintas actuacións como crear actitudes favorables nos pais e nais, mellorar o sistema de información sobre o desenvolvemento do neno ou manter unha páxina web cos contidos do programa.
Ademais, o obxectivo do programa é procurar que todas as familias con fillos entre os 0 e os 6 anos teñan a oportunidade de participar en ‘Preescolar na casa’. Neste sentido, haberá reunións de orientación de carácter quincenal en cada un dos concellos que participan e editarase unha revista de periodicidade bimensual. No convenio establécese tamén unha comisión mixta de seguimento e coordinación, integrada pola conselleira de Traballo e Benestar e o presidente da Fundación ‘Preescolar na casa’, ou polas persoas nas que deleguen