SANTIAGO .- O Consello da Xunta autorizou na súa reunión desta mañá a sinatura dun convenio de colaboración co Instituto Galego de Promoción Económica (IGAPE) co obxectivo de potenciar o sector lácteo en Galicia. O importe total desta actuación ascende a 340.000,00 euros efectuados en catro anualidades.
A Consellería do Medio Rural contribuirá ao financiamento desta subsidiación mediante a achega ao IGAPE do importe da subsidiación equivalente ao Euribor a prazo de seis meses, cun máximo de 2,00 puntos, que se estima en 340.000 euros.
A predición estimada para cada exercicio orzamentario é de 65.600 euros no ano 2010, 94.800 euros para o 2011, 98.800 euros para o ano 2012 e 80.800 euros para o ano 2013.
O obxecto deste convenio consiste en establecer apoios adicionais específicos para as explotacións de gando bovino -para a súa produción de leite- e para as cooperativas ou sociedades agrarias de transformación, cuxa actividade sexa a fabricación de produtos lácteos ou ben o comercio por xunto destes produtos.
Apoio ao sector lácteo
Ambas as institucións consideran esencial apoiar o sector lácteo galego, e máis dada a difícil situación, debido ao anormal prezo do leite no mercado. Isto fai que o IGAPE, como axencia de desenvolvemento de Galicia, e a Consellería do Medio Rural, actúen conxuntamente para reforzar e axudar a este sector.