Site icon Crónica3.com A Mariña

A Xunta aportará 20 mil euros para que Cervo acondicione beirarrúas na praza Federico Mon

CERVO .- A Xunta destina 20 mil euros ao acondicionamento de beirarrúas na praza Federico Mon. O alcalde de Cervo, Alfonso Villares, lembrou que a boa sintonía existente entre os actuais responsables da Xunta e o equipo de Goberno local está a posibilitar a materialización de vías de axuda e colaboración mutua “de cara a continuar coa mellora e ampliación de espazos urbanos e de servizos nos distintos núcleos de poboación do municipio”.

Nota de Prensa

A achega procede dun convenio subscrito entre o Concello de Cervo e a Consellería de Presidencia

A XUNTA DE GALICIA DESTINA 20.000 EUROS AO ACONDICIONAMENTO DE BEIRARRÚAS NA PRAZA FEDERICO MON

* A obra ten un presuposto total de 25.000 euros

* A zona onde se acometen as obras é moi frecuentada por nenos, ao estar alí o colexio público

Cervo, 18 de decembro de 2009.- O alcalde de Cervo, Alfonso Villares, anunciou que a Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza da Xunta de Galicia  destinou 20.000 euros ao acondicionamento de beirarrúas na Praza Federico Mon, no núcleo de poboación de Cervo.

Segundo explicou Villares, esta achega económica procedente da administración autonómica ven fixada a través dun convenio de colaboración subscrito entre a Consellería de Presidencia e o Concello de Cervo de acordo co Programa operativo FEDER de Galicia 2007-2013 e cuxo obxecto é a dotación de infraestruturas de uso público en ámbitos urbanos e rurais de Galicia.

O alcalde cervense indicou que a cantidade restante ata completar o montante total da obra (25.000 euros) procede de fondos municipais. Villares valorou moi positivamente esta actuación, “xa que se trata dunha zona moi frecuentada por nenos ao estar alí situado o colexio de Cervo e moi preto tamén estamos a desenvolver outras actuacións coma a apertura dun novo vial. Por iso, penso que esta obra contribuirá a mellorar o entorno urbano da capital do municipio e posibilitará máis comodidades tanto para os peóns como para os vehículos que transitan por esta zona” salientou.

Agradecemento aos veciños

Alfonso Villares quixo agradecer publicamente a boa disposición dos veciños da zona, os cales colaboraron co Concello cedendo o terreo necesario para poder facer estas beirarrúas. “Hai que recoñecer a boa predisposición dos donos dos terreos para levar adiante esta obra e iso é algo polo que o Concello e todos os veciños do municipio temos que dar as grazas” indicou o alcalde.

O primeiro edil de Cervo lembrou tamén que a boa sintonía existente entre os actuais responsables da Xunta e o equipo de Goberno local está a posibilitar a materialización de vías de axuda e colaboración mutua “de cara a continuar coa mellora e ampliación de espazos urbanos e de servizos nos distintos núcleos de poboación do municipio”.

Exit mobile version