Site icon Crónica3.com A Mariña

A Unidade Pastoral de Cervo chama a participar no festival de Nadal

CERVO .- Por cuarto ano consecutivo a Unidade Pastoral de Cervo organiza un Festival de Nadal no que está prevista a participación de máis dun centenar de persoas. A cita terá lugar o vindeiro sábado 19 de decembro, a partir das 18.00 horas no pavillón da Comunidade de Montes de San Román de Vilastrofe.

Nenos dos grupos Catequeses e mozas de Confirmación das parroquias de Castelo, San Román, Lieiro, Sargadelos, Cervo e Rúa e o coro interparroquial ofrecerán diversas actuacións relacionadas co mundo do Nadal, data na que conmemoramos o nacemento de Xesús. Tras o festival haberá unha chocolatada con produtos procedentes do Comercio Xusto, xogos e dinámicas moi divertidas a cargo do Grupo Scout Evedro.

A parte solidaria deste festival recaerá nos grupos de mozos de Confirmación que, en colaboración coas Cáritas parroquiais, recadarán fondos para continuar co proxecto de escola de estimulación temperá “Mi Jardín Secreto”, en Mixco, Guatemala, e a exposición e venda de produtos téxtiles do taller de promoción da muller de San Antonio, en Japala, tamén en Guatemala.

ORGANIZA A UNIDADE PASTORAL

Cabe sinalar que este festival está organizado pola Unidade Pastoral de Cervo e polo tanto que xorde a iniciativa particular aínda que aberto a todo o público en xeral, familiares e amigos do máis de centenar de participantes. Por suposto a asistencia é totalmente gratuíta. Desde a organización agradecen a colaboración do Concello de Cervo e, moi especialmente da Comunidade de Montes de San Román de Vilastrofe e veciños desta parroquia pola súa xenerosidade e colaboración ao ceder o recinto no que se celebrará o festival. Habitualmente a Unidade Pastoral rota o lugar de celebración entre San Cibrao e o resto das parroquias do municipio de Cervo.

CHAMAMENTO Á PARTICIPACIÓN

A concelleira de Cultura fai un chamamento a todos os veciños para que gocen desta actividade e recorda que nas inmediacións do Centro Social “Antiga Escola de San Román” hai espazo de aparcadoiro de vehículos, ademais da zona contigua ao pavillón.

Exit mobile version