A estrada da costa norte de Galiza, que tería que unir a Mariña luguesa co Ortegal coruñés, é eterna, infinita, coma o manto de Penélope. Empézase polo día e desfaise pola noite, agardando en desespero por un Ulises que nin existe. É coma unha amor sen correspondencia, platónico, eterno, chorando sempre pola amada, que aínda sendo infiel, seguimos agardando o seu amor eternamente, con paciencia e sen desespero, porque se fósemos románticos de verdade xa nos teriamos que ter suicidado varias veces.
Hai máis de trinta anos que nos levan enganando coa estrada da costa. Cambiou mil veces de nome e de trazado. Chamouse “a T da costa”, “corredor do Cantábrico”, “autoestrada”, “vía rápida” e agora “vía de alta capacidade”. Fixéronse centos de plenos nos concellos para aprobar estudos previos, de detalle, detallados, de exposición, definidos, circunstanciais, incluso definitivos, pero a estrada segue no limbo, como unha entelequia virtual que existe nas nosas mentes, pero imposible de facela realidade tanxible.
Pasaron gobernos de todas as cores no Estado e na Xunta. Houbo épocas de vacas gordas e de vacas fracas. Prometéranola en todas as eleccións das últimas tres décadas, daba igual que fosen municipais, autonómicas ou estatais. Ate de agora ninguén cumpriu a promesa. Na anterior lexislatura o PP esixía todos os días dende a oposición a súa construción urxente, prometeu a súa inmediata execución se gañaba as eleccións; gañounas por maioría absoluta e agora, no canto de cumprir a promesa, adía o seu comezo para dentro de catro anos. Dá a sensación como se a estrada fose a remolacha do burro, poñela diante da boca para que siga traballando sen recibir recompensa. Non é de estrañar, pois leva funcionando unha morea de tempo.
Na bisbarra tampouco nunca houbo unidade na súa reivindicación. Os alcaldes sempre estiveron ás ordes do partido en cada momento, máis que defendendo os intereses dos veciños, no caso de que estes fosen intereses reais ou, polo menos, manifestados. Tampouco houbo ningún tipo de mobilización social nin reclamacións de sectores afectados. As asociacións de empresarios, comerciantes, mariñeiros, veciños semella como se tivesen as mans atadas por escuros intereses inmediatos, pois non son quen de xuntarse e permanecen mudos agardando pola misericordia dalgún ente superior.
Despois de tanto tempo e en vista da situación actual, calquera análise obxectiva podería concluír que a estrada da costa non é necesaria porque ninguén a demanda. E se algún día se fai realidade, seguro que lle pasará como lle pasou ao tren: xa non haberá suficientes habitantes nin dinamismo económico para facela rendible. Será un monumento póstumo ao un progreso que nunca existiu. Espero equivocarme.