Site icon Crónica3.com A Mariña

A Deputación repartiu 153 toneladas de sal en 36 Concellos a causa do temporal de neve

LUGO .- A Deputación de Lugo mobilizou a 24 operarios e a 60 máquinas para atender as incidencias ocasionadas polo temporal de neve iniciado no día de onte. Entre estas atópanse 8 camións e 11 tractores con cuchila, 5 retros mixtas, 4 motoniveladoras, 3 camións grúa, ademais de todo terreos ou motoserras.

Malia que nestes momentos non existe ningunha vía provincial cortada, o traballos céntranse na retirada de neve e en atender as incidencias por mor da xeada. Dende primeiras horas da madrugada estase a estrar sal nas calzadas debido ás placas de xeo que se formaron coa caída das temperaturas durante a noite. En total, repartíronse 153 toneladas en 36 Concellos da provincia.

11 zonas

As empresas adxudicatarias da Conservación Integral, que divide á provincia en 13 zonas, continúan en alerta ata que diminúan os efectos do temporal. Dende a Deputación recoméndase precaución para circular por toda a rede viaria provincial debido ás xeadas que están a complicar a circulación dos vehículos que transitan por ela.

Nestes momentos, están a actuar en 11 zonas: 2 (concretamente no Concello do Valadouro); 3 (Mondoñedo, Abadín, A Pontenova, Riotorto e A Pastoriza); 4 (Meira, Ribeira de Piquín, Pol, Castro de Rei, Cospeito e Rábade); 5 (Muras e Vilalba); 7 (Castroverde e O Corgo); 8 (A Fonsagrada, Negueira de Muñiz e Navia de Suarna); 9 (Becerreá, Cervantes, As Nogais e Pedrafita); 10 (O Courel, Incio, Samos, Triacastela, Quiroga e Ribas de Sil); 11 (Monforte e Pobra de Brollón), 12 (Páramo, Paradela e O Saviñao); e zona 13 (Antas de Ulla, Taboada e Chantada).

Un amplo dispositivo

A Deputación ten un amplo dispositivo para atender as incidencias que poidan xurdir nas vías provinciais ó longo do inverno. Está formado por 110 operarios e 160 vehículos. Nestes momentos, están adquiridas 800 toneladas de sal, repartidas en 14 saleiros distribuídos por toda a provincia, de tal xeito que en caso de que se necesiten, a empresa subministradora poderá facilitalas nun prazo máximo de 24 horas.

Despois da experiencia do ano pasado, no que houbo 3 meses de temporal seguidos, neste ano o organismo provincial xoga con vantaxa porque unha vez adxudicada a Conservación no mes de maio, o primeiro que se deu orde foi limpar todas as estradas da Deputación e retirar os árbores que quedaban.

Exit mobile version