Site icon Crónica3.com A Mariña

A Deputación reivindica a implicación das institucións para potenciar a venda de produtos ecolóxicos

LUGO .- A Vicepresidenta Segunda da Deputación, Lara Méndez, clausurou este xoves as Xornadas sobre a comercialización de produtos ecolóxicos de orixe animal, que organizou a Fundación Centro Tecnolóxico Agroalimentario de Lugo, e que, durante dous días, acolleu no Pazo de San Marcos a expertos e técnicos de todo o país, así como de distintos puntos de Europa, para debater sobre que falla no proceso de comercialización dos produtos ecolóxicos de orixe animal. Neste senso, Lara Méndez reivindicou a implicación de todas as institucións para potenciar a venda destes produtos que “son parte importante do motor da economía galega”.

Durante o acto, no que tamén estiveron presentes o Alcalde de Lugo, José López Orozco, o Xefe Territorial da Consellería de Medio Rural, Ramón Carballo, a Directora Xeral de Industria do Ministerio de Medio Ambiente, Isabel Bombal, o Vicereitor da USC, Carlos Herrero, o Director de CETAL, Eduardo Vidal, e o Presidente de CRAEGA, José Antonio Fernández, a Vicepresidenta Segunda destacou que “Galicia é a terceira comunidade en España co maior número de cabezas de vacún, e a segunda por capacidade en granxas avícolas”.

A representante do organismo provincial explicou que Lugo é a provincia galega co maior número de explotacións gandeiras de carne vacún, ovino e avícola. “A Deputación tivo moi claro desde o primeiro momento, que os produtores, e as empresas alimenticias luguesas, necesitan a nosa axuda para impulsar os seus negocios e a súa economía” incidíu.

Neste senso, Lara Méndez explicou que, malia os datos, “os produtos ecolóxicos e autóctonos non teñen a demanda que merecen. Por iso, plantexámonos varias causas: a falta de información, ou o proceso de comercialización, e buscamos respostas. Por iso, puxemos en marcha varias liñas de actuación dentro do programa europeo Lug02, dotado de 5 millóns de euros, e cofinanciado nun 70% por fondos de la Unión Europea”.

Neste senso, a Vicepresidenta Segunda explicou que o organismo provincial está creando un portal web para a comercialización dos produtos. “Será unha tenda on-line, onde se darán a coñecer os alimentos, e se porán a venda evitando intermediarios na cadea de distribución, e logrando maiores ingresos para os nosos produtores”.

“Os mellores produtos”

Lara Méndez incidíu en que na web, que se situará dentro da páxina de Internet de

Lug02, comercializaránse só produtos ecolóxicos e autóctonos da marca Lugo-Sabe. “Trátase da nosa marca de calidade, un certificado oficial e con características propias que fará que os nosos alimentos non sexan bos, senón os mellores”.

A Vicepresidenta Segunda subliñou que, ademais, a Deputación traballará en colaboración coa Universidade de Santiago de Compostela na mellora xenética do gando nas instalacións do Centro de Recría da Granxa Gayoso-Castro. “Trátatase do primeiro centro de recría público de España, que permitirá triplicar a capacidade de gando vacún, e aforrará cartos aos nosos gandeiros”.

A representante provincial concluíu apuntado que “a Deputación aposta polos produtos ecolóxicos, colabora no fomento da súa comercialización, e está convencida de que, con estas xornadas, e se todos os que aquí estamos presentes traballamos na mesma senda, faremos que, pola nosa saude, e pola nosa economía, os produtos ecolóxicos estén presentes en todos os mercados”.

Exit mobile version