LUGO .- Esta mañá o delegado de Cultura da Deputación, o nacionalista Antonio Veiga, xunto ao alcalde de Mondoñedo, Orlando González, e a coordinadora da Tradescola, Mónica Fernández, presentaron na Casa do Concello de Mondoñedo as xornadas de música tradicional que a Tradescola de Lugo organizará na Casa da Xuventude da cidade mariñá os próximos 9 e 13 de decembro. Estas xornadas que desenvolve a Tradescola, escola de música tradicional xestionada pola Asociación de Gaiteiros Galegos que conta co apoio da Área de Cultura da Deputación, están pensadas cun propósito de espallar a música tradicional galega polas comarcas lucenses, segundo indicou Mónica Fernández, coordinadora da Tradescola.
Mónica Fernández explicou que o día 9 de decembro terá lugar un concerto didáctico de música tradicional dirixido á poboación en idade escolar, que contará con arredor dun cento de nenas e nenos e no que se fará un percorrido pola evolución dos instrumentos e formacións musicais que protagonizaron a historia da música galega nos últimos dous séculos. Neste concerto amosaranse os distintos ritmos, formacións e instrumentos protagonistas da música tradicional e popular galega. Tamén, ao mesmo tempo, deu conta de que o domingo 13 de decembro a Casa da Xuventude de Mondoñedo acollerá o curso de gaita, con obradoiros de iniciación e perfeccionamento ao instrumento, guiado polos profesores da tradescola, Bruno Villamor e Emilio Elías.