Site icon Crónica3.com A Mariña

A deputación dispón de 110 operarios e 160 vehículos para atender as incidencias do inverno

LUGO .- A deputación conta con 110 operarios e 160 vehículos para atender calquera incidencia que se produza ao longo do inverno. O organismo provincial aplicou nos últimos días un tipo de sal novidoso, que actúa directamente sobre as placas de xeo e garante unha maior seguridade ós usuarios das vías.

Nota de Prensa

A Deputación recheou en 3 ocasións os saleiros da rede viaria no que vai de mes

– O organismo provincial aplicou nos últimos días un tipo de sal novidoso, que actúa directamente sobre as placas de xeo e garante unha maior seguridade ós usuarios das vías

– No último temporal de neve, a Deputación repartiu máis de 800 toneladas de sal nas estradas que son da súa titularidade

– 110 operarios e 160 vehículos compoñen o resto do dispositivo previsto para atender calquera incidencia que se produza ó longo do inverno

A Deputación recheou en tres ocasións os 12 saleiros que ten distribuídos na rede viaria provincial no que vai de mes debido ós efectos do temporal de neve acontecido nas últimas semanas. En total, empregáronse 827,5 toneladas de sal, da que 180,5 se repartiron dende o 24 ó 27 de decembro, coincidindo coa que foi a nevada máis forte rexistrada neste inverno. Precisamente, o organismo provincial duplicou eses días o servizo na zona de Pedrafita, que foi a que rexistrou a maior complicación para a circulación dos viandantes.

Asimesmo, a semana pasada a Deputación comezou a aplicar un tipo de sal novidoso nas estradas provinciais dos Concellos da Montaña, que nunca se empregara antes e que conta cunhas condicións que fan que actúe directamente sobre as placas de xeo, ó ser pura e sen caliza.

Coincidindo coas datas festivas de Noiteboa e Nadal, medio cento de operarios e outros tantos vehículos traballaron de xeito ininterrumpido. Entre os medios materiais, destacan 5 camións cuchila, 9 saleiros con cuchila, 7 todo terreos con saleiro, 4 motoniveladoras, 4 camións grúa, ademais de retros mixtas e motoserras  para retirar as árbores da calzadas das estradas provinciais 2601 e 2607, no concello de Xove; na 4811 no de Pontenova; e na 2301, en Guitiriz.

Ademais, as empresas adxudicatarias da Conservación integral actuaron retirando neve e auga, así como esparcindo sal en 12 das 13 zonas na que o Plan divide a provincia: 1 (Cervo), 2 (Barreiros e Ribadeo), 3 (A Pontenova), 4 (Meira, Ribeira de Piquín, Pol, Castro de Rei, Cospeiro, Outeiro de Rei e Rábade) 5 (Vilalba e Guitiriz), 7 (Castroverde, Baleira e Baralla), 8 (A Fonsagrada, Negueira de Muñiz e Navia de Suarna), 9 (Becerreá, Cervantes, As Nogais e Pedrafita), 10 (Courel, Incio, Samos, Triacastela, Quiroga e Ribas de Sil), 11 (Monforte de Lemos, Bóveda, Pobra de Brollón, Sober e Pantón), 12 (Páramo, Portomarín, Sarria, Paradela, e O Saviñao) e 13 (Monterroso, Taboada, Chantada e Carballedo).

O resto do dispositivo que ten a Deputación para atender as incidencias que poidan xurdir nas vías provinciais ó longo do inverno está formado por 110 operarios e 160 vehículos. Asimesmo, nas vindeiras semanas ampliarase o contrato para a adquisición de máis sal, de tal xeito que en caso de que se necesite, a empresa subministradora poderá facilitala nun prazo máximo de 24 horas.

Exit mobile version