LUGO .- A delegada territorial da Xunta, Raquel Arias, explicou hoxe que cumprindo coa súa “labor de servizo aos cidadáns da provincia de Lugo” que posúe o seu cargo como representante do Executivo galego na provincia mantén contactos cos representantes locais dos veciños.
Arias lamentou as declaracións realizadas polo secretario xeral do PSdeG de Lugo, Ricardo Varela, que criticou o contacto mantido coa alcaldesa do Courel para “cumprir co deber de atender e mirar de subsanar as necesidades dos cidadáns, tal e como corresponde a un representante de tódolos lucenses”.
A máxima representante do Executivo galego na provincia subliñou que mantén unha disposición ao trato cercano con todos os alcaldes de Lugo “porque o obxectivo primeiro e fundamental é respostar ás prioridades do pobo” e os rexedores son os transmisores das mesmas. Por este motivo, Arias non comparte que “segundo a cor política de quen está ao frente dun concello haxa que facer distincións de trato entre os lucenses”.
Arias atribuíu “probablemente a un inoportuno desliz” a opinión feita pública polo representante do PSdeG. Segundo a delegada territorial, Varela queixase da “vocación de servizo” exercida por un representante público, cando el mesmo, ata o mes de abril, “ocupou cargos de máxima responsabilidade na Xunta, onde, quero crer, que para buscar o ben dos galegos, con independencia da zona na que habitasen, non miraba a cor política dos representantes á hora de tratar de resolver os problemas dos cidadáns”.
Para concluír, a delegada territorial afirmou que aínda que haxa a quen lle moleste seguirá coa liña “de recibir e visitar aos representantes dos concellos do territorio lucense para cumprir coa obriga de servir aos veciños desta provincia”.