Site icon Crónica3.com A Mariña

A delegación de Igualdade do Concello de Burela impulsa a campaña “Xoguemos a ser iguais”

BURELA (FNC) .- A Delegación de Igualdade de Burela pon en marcha unha campaña co lema Xoguemos a ser iguais. Segundo explica Neves Cando trátase “dunha campaña polos xoguetes e polos xogos non sexistas, porque cremos que o xogo é un elemento básico na vida das nenas e dos nenos, é a súa forma de comprender e asimilar o contorno  no que viven, e tamén é un modo de medrar e de afirmar a súa identidade masculina e feminina”.
A edil nacionalista sinala que “cando xogan afianzan as súas capacidades e destrezas, afondan nas súas relacións interpersoais, comparten normas e regras e achéganse ao respecto e á cooperación entre iguais. E os xoguetes non son de nenos ou de nenas, xa que todos e todas poden xogar con todos os xoguetes, o importante é que se divirtan. E disto é do que pretendemos concienciar ás nais e pais coa nosa campaña, que cando elixan os xoguetes para os seus fillos e fillas teñan en conta que sexan para nenos ou para nenas indistintamente sen diferencias en función do sexo, que favorezan a súa autonomía persoal, que sexan variados e se adecúen ás preferencias persoais de cada neno e cada nena, que fomenten a creatividade, o desenvolvemento de habilidades que faciliten en resumo a relación, a comunicación e non empreguen a violencia. Elexir os xoguetes para as nenas e os nenos superando criterios sexistas é unha responsabilidade que non podemos eludir”.
A responsable da Delegación de Igualdade manifesta que “esta campaña que lanzamos polos xoguetes non sexistas compleméntase co obradoiro de xogos tradicionais e igualdade de oportunidades que se desenvolverá os días 4 e 5 de xaneiro de 11 a 13 horas para nenas e nenos de 6 a 12 anos. Trata a partir dunha serie de xogos tradicionais adaptalos a unha perspectiva de xénero incorporando novidades baseadas na aprendizaje cooperativa e coeducativa”.
Cando agarda que “esta campaña contribúa a seguir avanzando desde a fantasía e a creatividade en novos usos non discriminatorios do lecer e do tempo de ocio infantil a través de xoguetes e xogos, que divertindo, lles axuden a medrar en  igualdade de oportunidades”.

Exit mobile version