LUGO .- A Consellería de Cultura e Turismo aprobou subvencións por valor de 134.890 euros que se distribuirán entre 44 asociacións da provincia de Lugo que ao longo do último ano teñen organizado festas ou outros eventos de interese turístico.
A consellería publica hoxe no Diario Oficial de Galicia esta primeira resolución de axudas xunto coas asociacións e colectivos que resultaron beneficiarios. Tal e como recolle o DOG, haberá posteriores concesións, e os solicitantes que non aparecen nesta primeira relación deberán entender que os seus expedientes se atopan en trámite de estudo e revisión da documentación.
A Xunta colabora coas asociacións, na súa meirande parte sen ánimo de lucro, que organizan feiras, festas patronais ou festas singulares nos distintos concellos galegos, ao entender que entre as actuacións de fomento do turismo resultan especialmente relevantes todas aquelas encamiñadas á conservación do patrimonio inmaterial dos pobos.
Os eventos subvencionados contribúen ao realce e a difusión do acervo cultural e histórico das localidades nos que se celebran, sendo ademais un atractivo para o turismo. Así, entre as celebracións que recibiron axuda económica por parte da Xunta na provincia figuran a Feira das San Lucas, en Mondoñedo, O Filandón do Courel, a proba automobilística Subida á Chantada, e a Queima das Fachas ou a recreación da Malla de Vilapena, en Trabada. Igualmente, figuran numerosas festas patronais ou festas gastronómicas.
Todas estas actividades desenvolvéronse ao longo deste ano, polo que a subvención se concede en base aos investimentos xustificados polos organizadores, podendo alcanzar un máximo do 75% dos gastos.
Con este programa de axudas, a Consellería de Cultura pretende optimizar os recursos dispoñibles, tanto de infraestrutura como humanos e económicos, para contribuír á organización e promoción destes eventos, que en definitiva dan a coñecer a extraordinaria diversidade de Galicia a través da gastronomía, a artesanía e as tradicións das distintas localidades.