BURELA (FNC) .- A delegada de Benestar Social e Cultura, Neves Cando, presentou hoxe a programación de nadal “dirixida aos máis pequenos da casa por tratarse dunhas festas familiares e de vacacións escolares”.
A edil nacionalista manifestou que “organizamos por segundo ano consecutivo o obradoiro Invernarte, que integra a música, a plástica e a expresión corporal. Durante 6 días, o 28, 29 e 30 de decembro e o 7, 8 e 9 de xaneiro preténdese ofrecer aos nenos e nenas de 3 a 12 anos un espazo onde a creatividade e a imaxinación sexan as protagonistas e onde eles poidan bailar, representar, tocar instrumentos e cantar nun intento de achegar a arte e aprender a escoitar, a expresarse, a compartir e a respectarse. O obradoiro será en horario de tarde na Casa da Cultura e as inscripcións poderán realizarse na Biblioteca Municipal”.
Cando engadiu que “completamos estas actividades para os máis pequenos con outro obradoiro, para o que non fai falla anotarse, que se desenvolverá os días 4 e 5 de xaneiro de 11 a 13 horas na Praza do Concello, si a climatoloxía o permite, e senón na Praza de Abastos. Denomínase Xogos tradicionais e igualdade de oportunidades. Trátase a partir dunha serie de xogos tradicionais adaptalos a unha perspectiva de xénero incorporando novidades baseadas na aprendizaxe cooperativa e coeducativa. O obradoiro vai dirixido a nenos de 6 a 12 anos”.
A concelleira de Benestar Social e Cultura suliñou que “tamén temos o Nadal Máxico para toda a familia e o público en xeral. O martes 29 de decembro ás 20:30 horas terá lugar o espectáculo de maxia de Vituco e Jessica no auditorio da Casa da Cultura e o sábado 9 de xaneiro as 18 horas poderemos disfrutar do espectáculo máxico Simbiosis dos magos Marti e Dani. Continuaremos coa tradicional cabalgata de reis o 5 de xaneiro a partires das sete da tarde percorrendo as principais rúas de Burela e rematando coa recepción na Casa da Cultura. E xa para concluir o 8 de xaneiro tamén no auditorio poderemos disfrutar do concerto de aninovo da Escola Municipal de Música ás 20:30 horas”.