Nesta xuntanza os membros das asociacións de apoio ao pobo cubano trasladáronlle ao goberno da Deputación de Lugo a dificultade que supón atopar recursos para asumir os custos derivados do envío do material. Un envío de material que se fai por medio marítimo en contenedores. Segundo explicaba o presidente da Coordenadora Estatal de Asociacións de Residentes Cubanos, Ernesto Quintero, a través desta entidade coordinase o envío do material que recollen as máis de duascentas asociacións existentes en todo o estado. Ernesto Quintero explicou que a coordenadora que preside xestionou, no ano 2009, o envío de 10 contenedores de material de axuda. Quintero destacou, entre o material recollido, a aportación de ABRIGA dun cargamento de material deportivo valorado en máis de 240.000 euros, os 12 vehículos todoterreo cedidos polo Principado de Asturias e as camas de un hospital que xa foron enviadas neste ano 2009.
Antón Bao, explicou que a Deputación colaborará no envío do cargamento de material deportivo que ABRIGA recolleu na provincia de Lugo. Este cargamento está valorado en máis de 240.000 euros e, unha vez chegue a Cuba, destinarase a escolas e clubes deportivos para mellorar as condicións da práctica deportiva nos centros de formación da illa. En referencia á campaña de recollida que ABRIGA desenvolveu e que deu como fruto a captación de case 40 millóns, das antigas pesetas, en material deportivo Antón Bao sinalou que “as institucións non poden pechar os ollos a unha realidade social como é a solidaridade do pobo galego co pobo cubano e por iso imos a complementar a acción solidaria dos lucenses contribuíndo ao envío de todo este material recollido na provincia de Lugo”. Para os responsables do goberno da Deputación esta contribución é unha mostra máis da solidariedade que sempre existiu entres o pobos galego e cubano e servirá para aliviar as consecuencias do persistente bloqueo que están a sufrir os habitantes da illa.
Recollida de Bicicletas
A Asociación de Brigadistas Galega (ABRIGA) iniciou, en Lugo, unha campaña de recollida de bicicletas usadas para enviar a Cuba. ABRIGA recolle bicis en bo estado e materiais que poden ser reciclados (bombíns, cámaras, rodas…). A campaña rematará no vindeiro mes de xullo. A iniciativa é a continuación do traballo que ABRIGA ven desenvolvendo dende que naceu en Lugo no 2006. No ano 2008 ABRIGA xa promoveu unha campaña de recollida de material deportivo, informático e escolar na que reuniu ao redor de 4,5 toneladas.