Site icon Crónica3.com A Mariña

47 Concellos delegaron o servizo de contratación do subministro eléctrico na Deputación

LUGO .- 47 Concellos delegaron o sistema de contratación do subministro eléctrico na Deputación. O voceiro provincial socialista, Antonio Gato Soengas, fixo este anuncio no transcurso da rolda de prensa da Xunta de Goberno. Gato Soengas destacou que “esta iniciativa foi un verdadeiro éxito porque todos os Concellos que teñen un alto consumo, ben sexa polo alumeado público ou polas potabilizadoras, delegaron este servizo na Deputación e aprobaron esta iniciativa nos seus Plenos. En porcentaxes de poboación, representa o 90%, xa que excluímos a Lugo porque ten máis de 20.000 habitantes”.

Nestes momentos, a Deputación xa está a tramitar a última fase da adxudicación deste servizo e a súa licitación sairá publicada no Diario Oficial da Comunidade Europea. Segundo avanzou o Deputado provincial, no primeiro trimestre do ano, os Concellos xa se poderán beneficiar do novo sistema de contratación conxunta. “Esta é unha fórmula de cooperación máis que está a ter a Deputación con todos os municipios da provincia. Trátase de producir unha economía de escala para producir aforros significativos nun ano no que os novos ingresos do Estado van a verse reducidos”.

Neste senso, Gato Soengas indicou que “é unha iniciativa pioneira entre as Deputacións de España, e que foi ben acollida pola Federación Española de Municipios e Provincias. Trataremos que ó concurso se presenten as maiores empresas eléctricas, porque aínda sen ter o consumo dos Concellos, convertirémonos no segundo cliente máis importante da provincia se exceptuamos a multinacional Alcoa.”

Os Concellos que delegaron este servizo no organismo provincial son: Alfoz, Baralla, Becerreá, Burela, Castro de Rei, Castroverde, Cervantes, Cervo, Chantada, O Corgo, Cospeito, Folgoso do Courel, A Fonsagrada, Foz, Friol, Guntín, Láncara, Lourenzá, Meira, Mondoñedo, Monforte de Lemos, Monterroso, Muras, Navia de Suarna, Negueira de Muñiz, Ourol, Palas de Rei, Pantón, Paradela, Páramo, Pedrafita do Cebreiro, Pobra de Brollón, Pol, A Pontenova, Portomarín, Quiroga, Rábade, Ribadeo, Ribas de Sil, Samos, Sarria, Trabada, Triacastela, O Valadouro, O Vicedo, Viveiro e Xove.

Equipamento para os parques de bombeiros

A Xunta de Goberno aprobou este venres a adxudicación provisional do contrato de adquisición de 2 vehículos mixtos de extinción de incendios, 1 de rescate en altura e equipamento xeral para o Consorcio Provincial contra Incendios por valor de 1.702.960 euros. O voceiro provincial socialista lembrou que a Deputación xa contratou 5 vehículos mandos todoterreos, que serán empregados polos capataces para desprazarse no menor tempo posible ó lugar do incendio, e outras 5 bombas nodrizas que, neste caso, foron adquiridas en decembro de 2008 pola Xunta de Galicia.

Dende que se iniciou a posta en marcha da rede provincial de bombeiros, a Deputación leva investidos preto de 6 millóns de euros, concretamente 5.885.259, que é a suma da aportación que fai ó Consorcio e da cantidade comprometida este ano nos Presupostos do mesmo. “A Deputación de Lugo cumpriu coa súa obriga, fixo os deberes e, en todo caso, agora é a Xunta a que debe actuar do mesmo xeito. Precisamente este foi un dos temas que tratou o Presidente na reunión que mantivo o 20 de outubro con Feijóo. Naquela xuntanza acordárase o prazo dun mes para desbloquear tanto a transferencia dos hospitais como outros temas, entre os que se atopa o Consorcio Provincial de Bombeiros. Anta a falta de resposta, Gómez Besteiro solicitou ó Presidente da Xunta unha entrevista por escrito o 24 de novembro, da cal aínda non recibimos contestación. Pero o que está claro é que son asuntos de máxima prioridade para Lugo que se viron ralentizados”.

Canon Concellos

Tamén se deu o visto e prace a novas contratacións do canon correspondentes ás anualidades 2008-2009 dos municipios afectados polos encoros, á marxe de Chantada. Pertencen ós Concellos de Negueira de Muñiz e de Monforte de Lemos e suman 112.031 euros. Son unha cuña quitaneves por valor 24.418 euros en Negueira e a iluminación do paseo fluvial do río Cabe, ó seu paso polo municipio monfortino. O valor desta última actuación é de 87.613 euros.

“Só quedan dous Concellos afectados polo canon cos que se vai a falar proximamente: Guntín e Paradela. O resto xa tiveron entrevistas do goberno da Deputación, nas que o Presidente chegou a un acordo cos Alcaldes sobre os investimento a través dunha acción consensuada. Esta é unha acción realmente positiva, cooperadora e dialogada, que trouxo un resultado final importante, que é poñer de acordo á Deputación e ós Concellos. Cumprimos así sen estar concernidos como no caso de Chantada”.

Exit mobile version