LUGO .- A Deputación acollerá este venres a Xornada de Visibilización da Muller Rural na provincia de Lugo, un encontro no que participarán 200 mulleres pertencentes a Federación de Asociacións de Mulleres Rurais (FADEMUR). Trátase dunha iniciativa impulsada polo organismo provincial en apoio a este colectivo, e para reivindicar e impulsar a igualdade de xénero no campo.
O Presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, xunto coa Vicepresidenta Segunda, Lara Méndez, e a Presidenta de FADEMUR, Rosa Arcos, inaugurarán a encontro ás 12:30 horas no Salón de Actos do Pazo provincial.
Durante a xornada, presentarase o resultado dun estudo sobre as actitudes e os hábitos de consumo de información da muller rural e o seu nivel de alfabetización dixital. Trátase dun traballo realizado por expertos da Universidade de Santiago de Compostela, e froito dun convenio que asinou a Deputación coa USC.
Da mesma forma, celebrarase unha mesa redonda na que participará a Vicepresidenta Segunda, a Presidenta da Federación de Asociacións de Mulleres Rurais, así como técnicos da Deputación e especialistas de FADEMUR, onde se analizarán os prexuízos que predominan no campo, ou as iniciativas a desenvolver para mudar o panorama do xénero feminino no rural.
O máximo mandatario provincial clausurará o encontro ás 14:15 horas coa entrega da insignia de ouro da provincia a Rosa Arcos en recoñecemento do traballo levado a cabo na loita pola igualdade de xénero, e como mostra do apoio da Deputación na persecución deste fin.