Site icon Crónica3.com A Mariña

Vídeo-forum “Mulleres no Mundo” sobre a problemática en Afganistán na UNED de Foz

FOZ .- Con esta nova actividade que organiza o Observatorio da Mariña pola Igualdade, en colaboración coa aula universitaria da UNED e con Radiofoz, preténdese achegarlle á cidadanía mariñá e galega a realidade vital de mulleres moi diversas pertencentes a ámbitos sociais e culturais afastados e distantes.

O vídeo-forum “MULLERES NO MUNDO” desenvólvese tódolos venres nas aulas da UNED de Fozen horario de 19 a 21 horas. As persoas que o desexen poden anotarse, gratuitamente, nesta actividade. Hai varias opcións. Poden poñerse en contacto coa UNED de Foz, escribir un correo electrónico a foz@lugo.uned.es, chamar por teléfono ao 982133699 ou acudir presencialmente ás aulas da universidade en Foz (sitas na rúa Castelao, s/n).

Para as alumnas e alumnos da UNED estanse a tramitar créditos de libre configuración.

As sesións de “MULLERES NO MUNDO” estarán guiadas por membras do Observatorio da Mariña pola Igualdade. A metodoloxía a seguir consiste en realizar unha breve presentación e contextualización do filme, para a continuación realizar o visionado da película que corresponda a cada día.

A continuación, realizarase un debate e reflexión posterior sobre diferentes aspectos abordados en cada filme, seguindo sempre unha metodoloxía participativa e aberta na que a monitora sexa condutora das reflexións do grupo.

Programación para as vindeiras semanas.

● 13 de novembro: Grbavica. El secreto de Esma. Dirección de Jasmila Zbanic, Serbia.

● 20 de novembro: El círculo. Dirección de Jafar Panahi, Irán.

● 27 de novembro: Caramel. Dirección de Nadine Lebaki, Líbano

O principal obxectivo que persegue o Observatorio da Mariña pola Igualdade con esta iniciativa é a de darlle a coñecer á cidadanía galega, homes e mulleres, as realidades vitais de mulleres moi diversas de Senegal, Afganistán, Serbia, Irán e Líbano. Deste xeito, pretendemos destacar, por un lado, que a discriminación de xénero é unha cuestión universal que afecta a todas as mulleres do mundo, aínda que adquire unhas materialización diferentes en función das continxencias que definen cada sociedade e cultura. E polo outro, que non hai un único xeito de “ser muller” nin unha esencia feminina, senón que a pluralidade de experiencias vitais e de desexos das mulleres obríganos a ter sempre en conta a enorme diversidade de mulleres. Alén deste obxectivo principal, desde o Observatorio preténdese tamén contribuír a pór en valor as contribucións das mulleres aos distintos eidos do saber, destacando neste caso o traballo das directoras de cinema.

Exit mobile version