Oxalá as televisións asturiana, portuguesa, castelán-lenesa e estremeña abriran unha corresponsalía na Mariña lucense e enviaran todos os días unha noticia sobre a nosa vida cotián (economía, política, sociedade, culturaà). Pouco me importa que o seu sinal se poida ver aquí. De feito, así ocorre cando sintonizamos unha canle de televisión dixital.
Pensar que un asturiano de Rivesella, Llastres, ou Cangas del Narcea (ou emigrado en Nova York ou Australia) poida saber de nós a través das emisións da TPA (ou outra calquera) é alentador. Se somos quen de ofrecer unha imaxe dinámica, con fermosas paraxes naturais, festas tradicionais e tamén eventos novos, de seguro non han evitar a tentación de facer un oco e achegarse ata a Mariña lucense cando veñan de visita a Asturies.
De ter un comercio ou un restaurante, ou calquera outra empresa, procuraría prestar atención e coñecer un pouco máis aos asturianos (ou portugueses, castelán-leoneses, estremeñosà). Así, tería elementos de xuízo cos que me comunicar con eles e poder atendelos mellor. E aínda que me sinta moi galego e defenda con uñas e dentes o noso caldo, hei de procurar coñecer como é o pote asturiano e, comprendendo a diferenza de xeito respectuoso, podereille amosar ben as calidades do caldo galego sen por iso desprezar o pote asturiano. Imaxinar que me están a colonizar porque agora coñezo tamén o pote asturiano éche moita pobreza, cando non síntoma de certa esquizofrenia política.
Os medios de comunicación poden ser importantes soportes nos que proxectar ao exterior a nosa riqueza económica, social e cultural. Son unha ventá ao mundo. No mercado global en que nos movemos, con tempos tan cambiantes, pecharse en clixés decimonónicos (algúns deles ben acartonados cos vellos tópicos de chistes sobre galegos) é un luxo que non nos podemos permitir. A nosa mocidade precisa futuro. A do Eo-Navia, tamén. E hai que ir construíndoo paso a paso.