Site icon Crónica3.com A Mariña

Traballo e Benestar dá axudas a persoas maiores dependentes por un totoal de 423 mil euros

LUGO .- A Consellería de Traballo e Benestar aprobou a distribución de 634.807 euros para a provincia de Lugo a través de dúas liñas de subvencións: Axudas individuais para persoas maiores, con discapacidade ou dependentes, e colaboración cos concellos que poñen en marcha programas de apoio a núcleos familiares en situación de dificultade social ou risco.

Polo que respecta ás primeiras, beneficiaron a un total de 395 lucenses, que ou ben son maiores de 65 anos –que presentan circunstancias que acreditan a necesidade da axuda- ou menores desa idade cun grao de minusvalidez igual ou superior ao 33%. Tamén poden optar, en xeral, persoas que teñen recoñecida a situación de dependencia.

O crédito investido nestas actuacións suma un importe de 423.484 euros, destinados a sufragar os gastos en axudas técnicas ou produtos de apoio que cada destinatario precise para o normal desenvolvemento da vida diaria. Tamén cobren custos de adaptacións funcionais do fogar e a eliminación de barreiras arquitectónicas e de comunicación no interior da vivenda que contribúan a mellorar a autonomía persoal e a previr situacións de dependencia maiores. A adquisición de próteses dentais e audífonos é outro dos conceptos subvencionados.

Igualmente, a Consellería de Traballo e Benestar ven de aprobar a concesión de subvencións a 32 concellos que desenvolven programas para a educación familiar a través de persoal técnico especializado. En total, as axudas suman unha contía de 211.323 euros.

O obxectivo do programa, que a Xunta financia ata nun 75%, é a intervención social de carácter integral en núcleos familiares que se atopan en situación de dificultade social ou risco. Inclúe tanto actuacións socioeducativas e asistenciais como de inserción sociolaboral. Os proxectos basearanse nunha diagnose individual de cada familia e terán carácter continuado, ata dotalas dos recursos para que acaden a autonomía precisa na solución dos problemas.

O persoal técnico contratado para o desenvolvemento destes programas debe ter preferentemente a titulación en educación social, aínda que tamén poden pertencer a outras especialidades, como psicoloxía, pedagoxía, psicopedagoxía, ou traballo social.

Exit mobile version