Site icon Crónica3.com A Mariña

Técnicos de Intemac consideran necesario substituir piares principais da Torre dos Moreno, en Ribadeo

RIBADEO (FNC) .- Responsables e técnicos da empresa Intemac co seu presidente de honor, José Calavera, á fronte estiveron vendo hoxe as calicatas abertas o venres nos piares da Torre dos Moreno para analizar a situación na que se atopan. Na visita participaron o alcalde de Ribadeo, Fernando Suárez e o xefe territorial da Consellería de Cultura, José Carlos Rodríguez Andina.

O rexedor sinalou que “agora os técnicos tomarán datos, farán análises en laboratorio e dentro dun tempo nos darán unha contestación formal, pero segundo o señor Calavera á vista do estado actual dos pilares é urxente a súa substitución e non se pode seguir confiando neles a corto ou medio prazo”.

Fernando Suárez manifestou que “a partires de agora o Concello en estreita colaboración coa Dirección Xeral de Patrimonio da Consellería de Cultura ten que dar pasos, coa avenencia ou non dos propietarios da Torre por unha cuestión de seguridade pública. Hai que ter en conta que calquera intervención a realizar necesita do permiso de Patrimonio, pero hai que ir pensando na realización dun proxecto de substitución dos pilares principais das fachadas anterior e posterior. Trátase dunha obra imprescindible e urxente”.

O alcalde agradeceulle publicamente a José Calavera “o seu desinterese desde o punto de vista económico por esta actuación, pero tamén o seu interés absoluto por Ribadeo e por esta xoia que temos que é a Torre dos Moreno e pola preocupación que temos todos porque un edificio destas características se atope nunha situación tan deteriorada e que a propiedade, lamentablemente a día de hoxe, sexa incapaz de poder dar unha alternativa fiable, unha alternativa que poidamos chegar a corto prazo a un acordo con eles”.

Fernando Suárez reiterou que “si é por seguridade pública ou polas boas ou polas malas faremos que este edificio non se colapse, aínda que debo dicir que ten que ser co apoio importante e fundamental da Dirección Xeral de Patrimonio dado que se trata dun Ben de Interese Cultural e non se pode chantar unha punta nese inmoble sin que teña autorización de Patrimonio. Polo tanto, todo o que fagamos será en estreita colaboración entre a Xunta e o Concello para evitar o que ninguén quere que pase que é que a Torre chegue a caer e a causar algunha cuestión da que logo nos teñamos que lamentar”.

Exit mobile version