Cando eu era un neno labrego das terras de Mondoñedo, cavilei para descifra-lo código sonoro do esquilón que, ás sete da tarde, resoaba no convento das monxas encerradas . A súa forza de atracción tentoume a brincar por riba do recinto amurallado, sentinela das celosías, de onde tódolos días saían centos de seductoras badaladas para bicaren ó ceo con tan desenfrenada paixón que ata o mesmiño sol se ruborizaba, agochándose para non ver nacer, diante da súa propia cara, outro fermoso solpor. Supoñía eu que aquela máxica luz fora a elexida por Cupido para atinar nos corazóns mentres os teimudos grilos lían as partituras das metálicas melodías coas que durmían ó sol . Pero a sorpresa foi observar como á mesma hora do esquilón saía da cidade unha enigmática silueta humana, coas mans apreixadas por riba da cruz dos cadrís e coa mirada fixa do chan, por orde do señor bispo ou do señor xuiz, coma se osmara as pegadas das mozas descarreiradas. Iso pensaba eu. Mais logo aprendín que aquel home nunca fora can de palleiro senon un talento literario de nome Alvaro Cunqueiro ,capaz de pasear de tan singular maneira para radiografiar historias , receitas e lendas dos nosos devanceiros ,gravadas xusto na alma das antergas rilleiras.
Dende aquela souben detecta-las personas que atesouran valores. O seu resplandor faise notar, desprenden un halo tan singular que ata os nenos llo notan se os ven pasear. Esa é a razón pola que a miña fillla cando observou por vez primeira a Suso do Bahía preguntoume se era un capitán. Contesteille que si e non mintin . Pola súa autorirade cultural e humana, polo respecto e admiración que emana, resulta un privilexio enrolarse na súa tripulación. Ademais de capitán é patrón , afeito a bregar entre varias augas sen deixarse levar pola corriente.
Na súa singradura da vida abriu e abre ronsel de man tendida , de man amiga , disposta a amarra-los cabos da cultura por toda a Mariña. A súa goleta, Bahía, fretada de libros, zarpa tódolos días rumbo ós mares das tebras acendedo nas mentes os fachos da sabedoría, humildade e xenerosidade, valores humanos que Suso Férnández despregou nas súas velas sobor das que onde xa, no máis alto, a súa bandeira da terra focega coas cores do amor que sente por ela.
E cando sae a pasear polo arredor non precisa de rula nin de esquilón para se anunciar.. A xente detecta a brisa da súa cálida mirada porque Suso retrata e escribe co seu corazón; corazón de galego , de galego mariñeiro sen cancelas nin poxigos. Se as ondas o ven de lonxe o mar refresca a memoria lembrando a veciños e turistas que as areas onde agora pisan e se arrolan son fermosas doas da historia descifradas por D. Xesús, o ilustre cronista con pluma de retratista. A súa singular capacidade para converti-lo sinxelo en sublime provén dun interno manancial da experiencia que lle permite saber escoita-los latexos das forzas diversas e logo, cun tacto exquisito, enforna proxectos, sementa camiños e verque nos ríos o espíritu da Frouxeira para que non esquezamos que xuntos e unidos, respectando as ideas, teremos futuro sen perdemo-la esenza. Así llo entendín eu nas súas conversas.
E así o fago constar nesta sinxela semblanza dun gran capitán e mellor home ante o cal este humilde grumete se descobre en sinal de agradecemento pola súa exemplar traxectoria e porque entendo que as homenaxes sentidas cómpre facelas cando o persoeiro merece disfrutar da plenitude da vida.