Fernando Suárez manifesta que “nestas datas Ribadeo é noticia por ter un dos mercados máis importantes, máis grandes e con máis afluencia de público de toda a comarca, tanto da Mariña de Lugo como do Occidente asturiano. Este ano entre o 4 e o 8 de decembro organizado polo Concello, pero coa colaboración importantísima, desde o punto de vista económico, da Área de Turismo da Deputación que dirixe Mª Xosé Veiga Buxán”.
O rexedor explica que “estará aberto de 11 a 14 horas pola mañá e de 17 a 21 horas polas tardes e haberá unhas 30 actividades de artesanía na meirande parte de Galicia e tamén de Asturias, recollendo así a artesanía típica dos dous territorios. Coma sempre estará presente o arte feito a man de doces, embutidos, mel, coiro, xoiería, acibeche, papel, prata…”.
Suárez Barcia sinala que “o obxectivo que nos marcamos desde o Concello de Ribadeo nestes últimos anos a parte da promoción e da posta en valor do que é a artesanía galega, é sobre todo a dinamización socioeconómica de Ribadeo que se fai a través da atracción de tanto público que nesta longa semana de ponte sempre escolle o noso concello como destino turístico de relevancia e queremos ter cousas que ofrecerlle. Entón esto indirectamente beneficia ao pobo, ao comercio, á hostalería”.
O alcalde de Ribadeo asegura que “tamén haberá outros espectáculos de animación para os máis pequenos, concertos, conta-contos e unha serie de actuacións programadas coa Escola de Música e Danza de Ribadeo. Polo tanto eu convido a todos os veciños da ampla comarca da Mariña e do Occidente de Asturias a que veñan a Ribadeo a ver este mercado, e que gocen tamén das dúas exposicións coas que contaremos, unha cedida polo Centro de Artesanía e Deseño da Deputación de Lugo e outra de títeres que fará ás delicias dos máis novos”.