O intento, nunca logrado, de traballar solidariamente os concellos mariñáns, a prol da promoción turística, é cuestión que ven de vello. O día 23 de novembro de 1968, no Pleno municipal de Foz dábase conta do escrito que presentaba o concello de O Vicedo, no nome dos alcaldes do litoral, interesando a constitución dun órgano para o fomento do turismo que o formarian: Ribadeo, Barreiros, Foz, Cervo, Xove, Viveiro e O Vicedo.
Os edís focegos, por unanimidade, aceptaron a proposta e a constitución, por tanto, do que se chamaría “Mancomunidad Turística de la Costa Lucense” e designaron representante na mesma ó alcalde, Pepe Beltrán, que logo sería elexido o seu presidente.Por aquelas datas, tan lonxanas no tempo, este cronista ccompría funcións de correspondente de prensa, o que lle permitía asistir ás reunións que o devandito organismo celebraba na vella biblioteca municipal focense.Pasaron moitos anos e pérdese a memoria dos feitos, pero aínda así lembramos cómo era imposible lograr que ás xuntanzas asistisen a totalidade dos seus membros – igual que agora – cómo maiormente carecían de ideas ou cómo a cada intre afloraban as actitudes localistas e irracionais, en contraposición co talante aberto, honesto, obxetivo, tolerante e solidario que son premisas indispensables para que accións deste tipo fructifiquen en realidades tanxibles, favorables ó conxunto dos pobos que a forman… e nesas estamos.¡ nada hai novo baixo o sol!.Hai que decir, sen embargo, que, a diferencia de hoxe, os concellos vivían unha auténtica penuria económica, con presupostos irrisorios, carentes de ingresos, o que moitas veces frustraba os as posibilidades de materializar o proxecto mais modesto e que tampouco os gobernantes – alcaldes, concelleiros e demais – percibían as xenerosas retribucións actuais, xustifcadas cos eufemismos de “dedicación exclusiva” ou “parcial”, “asistencia a comisións”, “dietas” e demais, aínda que, a cotío e sen rubor, falen de altruísmo, de entrega ó ben común, de transparencia, de amor ó pobo, e de tanta demagoxia incorporada nestes tempos á demagoxia dialéctica dos políticos…
Por aquel entón ( hai mais de corenta anos) estaban de moda os “slogans” (daquéla xurdira o exitoso “Foz, Costa Nova”) que, con marchamo publicitario, dalgún xeito definían as distintas zonas: Costa del Sol, Costa Dorada, Costa Brava… A nosa sería, en adiante, “La Costa de las Mil Playas”. A acción divulgativa foi tan escasa que apenas chegou a coñecerse, de igoal xeito que hoxendía ocorre con “Máxica por Natureza”, perfecta descoñecida.
Pois ben, despois do tempo transcurrido estamos na mesma situación: nen a evolución económica, social e cultural, nen os indudables avances técnicos e informáticos nen, no eido político, a chegada da democracia (ben chunga, eso sí) lograron mudar os comportamentos individualistas e anacrónicos inoperantes que levamos tantos anos padecendo. Diríase que os políticos que rexen os concellos sofren un evidente e crónico anquilosamento mental que lles impide acadar o ritmo da sociedade actual, cuia dinámica nada ten que ver coa dos vellos tempos que eles adoptan como guía e modelo.
Durante o ano nada se fai pola promoción turística da Mariña, pero, eso sí, van todos a Fitur, “en longa riola”, como dí Curros que os rapaces seguían ó gaiteiro. Non se sabe a qué van, ou sábese; pero o que sí é seguro que gástanse, sen xeito, moitos miles de euros que, aproveitados sensatamente, cada dous ou tres anos daban para levar a cabo unha boa campaña de promoción e divulgación dos atractivos turísticos da comarca que segue sendo,¡qué remedio!, a gran descoñecida. Lemos nos xornáis que a Mancomunidade ( “que se renovou”, se dí) “centra esfuerzos en la elaboración de un plan turístico” Ogallá o logren e se faga realidade: a experiencia acumulada fainos ser excépticos. De algo sí estamos seguros: irán todos, “en longa riola”, a Fitur ( ¿quén fala de crise?). Verán qué guapos sairán nos xornáis… da Mariña.