NOTA DE PRENSA
VILLARES INTENTA LAVARSE AS MANS BOTANDO A CULPA A OUTROS DE ASUNTOS QUE SON DA SÚA RESPONSABILIDADE
Os nacionalistas din que a nova rede de saneamento non vai chegar para solucionar os problemas de inundacións en San Cibrao
O PP anunciou o saneamento en 2001 e só chegou a adxudicar a obra cando xa perdera as eleccións en 2005.
Cervo, 18 de novembro de 2009. Non é ao BNG a quen lle toca dar explicacións sobre a persistente problemática de inundacións en San Cibrao xa que non era unha área de goberno en mans nacionalistas no anterior goberno galego, en calquera caso non imos agochar dar a cara cando se fan alusións inxustificadas por parte do alcalde que intenta lavarse as mans diante dun problema que é da súa directa responsabilidade. Os nacionalistas lembran que o PP anunciou o saneamento de Cervo e San Cibrao dende 2001 e nunca chegou a consignar ningunha partida orzamentaria mentres gobernaron a Xunta de Galiza.
Os nacionalistas preocupáronse por este tema no Parlamento durante o anterior goberno, recoñecendo que por diferentes motivos a Consellaría de Medio Ambiente non cumpriu
Ao BNG non lle doen prendas en recoñecer que a anterior Consellaría de Medio Ambiente non cumpriu co seu compromiso de inicio das obras para a construción da rede de saneamento e EDAR para San Cibrao no último trimestre de 2006, neste sentido era a resposta dos anteriores responsábeis de Medio Ambiente diante das preguntas presentadas polo BNG no Parlamento Galego en maio de 2006, asegurando ademais que o proxecto de execución sería o mesmo que redactara a Consellaría dirixida por José Manuel Barreiro do PP, que pretendía aproveitar o mesmo emisario inservíbel da Atalaia e os mesmos colectores que hoxe hai ao longo da praia do Torno; en calquera caso a obra non foi executada na data comprometida entre outros motivos por non dispoñer dos terreos, cambios na empresa adxudicataria e modificacións no proxecto inicial que permitirán, entre outras, a construción dun emisario novo con saída ao mar no polígono de Cuíña co que o proxecto inicial foi mellorado dun xeito importante pasando dunha previsión inicial anunciada no 2002 por 2.217.279,91 euros aos 3,6 da actualidade.
O Tte. Alcalde José Manuel Balseiro anunciou o inicio das obras de saneamento de San Cibrao e Cervo para finais de 2001.
Os nacionalistas non pasan por alto a historia que rodea esta obra, anunciada en 2001 polo Tte. Alcalde José Manuel Balseiro, co proxecto exposto ao público na Casa do Mar de San Cibrao en 2002, a aprobación unánime dunha moción do BNG en outubro de 2004 que instaba á execución da obra en 2005, con emendas aos orzamentos da Xunta de 2005 votadas en contra polo PP no Parlamento, a adxudicación da obra en xullo de 2005 polo goberno popular cando xa perderan as eleccións autonómicas mais sen ningunha dotación económica, e finalmente o inicio das obras en 2009. Para o BNG non pode estar o PP orgulloso da súa actuación neste asunto, “aínda que o que mellor fai o Sr. Villares é botar balóns fora, pero é evidente que si as obras foran acometidas cando se anunciaron en 2001, xa fai tempo que estarían rematadas”, sinala o portavoz municipal do BNG Xoán Estúa.
Non vai ser esta rede de saneamento a que evite todos os problemas de inundacións en San Cibrao
Para Estúa, a rede xeral de saneamento non vai evitar as inundacións puntuais en distintos puntos de San Cibrao, “moitos dos baixos e garaxes da vila están por debaixo do nivel do mar e a coincidencia entre a marea chea e fortes choivas xera problemas de evacuación”, por outra banda as redes secundarias de competencia municipal están como están, o nacionalista pídelle a Villares que asuma as súas responsabilidades xa que “dos dous millóns de euros cobrados polo concello do Plan de Investimentos e Infraestruturas asinado con promotores en 2006, o de menos foi investir en saneamento”. No mesmo sentido Estúa, lembrou que é o concello quen concede as licenzas de construción, e á vista do que sucede, “non se tiveron en conta tódolos aspectos técnicos que deberían contemplar os proxectos”