Site icon Crónica3.com A Mariña

Para o BNG a situación económica de Cervo non se amaña cun mal xestor

NOTA DE PRENSA
A SITUACIÓN ECONÓMICA DE CERVO NON SE AMAÑA SÓ CON MAIS FINANCIAMENTO DE OUTRAS ADMINISTRACIÓNS

Como xa se ten demostrado por moito financiamento que haxa cando hai un mal xestor a sangría das arcas municipais continuará

O Alcalde segue sen contestar que fai co gasto corrente destinado a electricidade e como explica o pago de intereses de demora

O BNG insiste en pedir explicacións ao Alcalde pola reclamación de intereses de demora por non afrontar o pago de facturas nos prazos que corresponde, o máximo responsábel do goberno local segue sen aclarar que fai co diñeiro orzamentado como gasto corrente para electricidade e dende logo resulta curioso que fale de aforro cando debe executarse o pago de 889.115 das antigas pesetas en intereses que non existirían cunha xestión eficiente e responsábel. O portavoz municipal nacionalista Xoán Estúa, negou a afirmación do alcalde de que o concello só deba seis meses deste ano, “moi ao contrario, ademais da débeda que xa se fixo pública de 268.210 euros cunha empresa distribuidora de enerxía, seguen chegando novas reclamacións neste caso doutra que reclama que se faga efectiva antes do 27 de novembro a cantidade de 2.397 euros cuxo prazo ordinario de pago remataba o 1 de outubro”.

Cando a débeda non deixa de medrar non se pode cualificar de controlada, mais ben todo o contrario.

Os nacionalistas advirten que a débeda que o rexedor municipal cualifica de “controlada” non deixa de medrar sen control e que o pouco que amortiza o concello faise coas compensacións da taxa por aproveitamento do dominio público local, “doutro xeito non se entende que a débeda cunha soa empresa ascendera no mes de xuño deste ano a 225.413 euros e hoxe reclamen 268.210”, afirmou Estúa, para maior precisión, o portavoz nacionalista engadiu que de acordo cos datos en poder do BNG, de setembro de 2008 a setembro de 2009, só foron abonados 18.475,13 euros, “unha cantidade ridícula atendendo ao gasto anual de 240.000 euros que menciona o alcalde e que esta amortización só se fai cunha das dúas empresas coas que o concello ten contratado o subministro eléctrico”.

O BNG xa ten presentada unha moción para mellorar o financiamento municipal aínda que non serva de nada cun goberno que non xestiona

O BNG xa ten presentada unha moción na que insta ao goberno do Estado a establecer un sistema de moratorias no suposto de liquidacións negativas nas cantidades recibidas da participación dos ingresos do Estado e un modelo que teña en conta o maior custo na prestación dos servizos en Galiza pola dispersión e avellentamento da poboación.

En calquera caso, a experiencia no caso de Cervo indica que un maior financiamento e recadación non significa mellora da facenda municipal, á vista está que as fortes recadacións nos anos do “boom” da construción non serviron para equilibrar a balanza financeira municipal.

Exit mobile version