José Manuel Balseiro advirte de que ese novo sistema podería dar como resultado o peche dun importante número de instalacións bateeiras en Galicia
O GRUPO POPULAR PRESENTA UNHA INICIATIVA CONTRA A PRETENSIÓN DA COMISIÓN EUROPEA DE CAMBIAR O MODELO DE ANÁLISE DAS BIOTOXINAS PRESENTES NOS MOLUSCOS BIVALVOS
* O deputado salienta que o Goberno de Núñez Feijóo “está a desenvolver múltiples xestións para corrixir esta situación” e considera imprescindible que os representantes do Estado español na Unión Euuropea “adoiten como propios os postulados expostos pola Xunta de Galicia” para “liderar a defensa dos intereses de Galicia”.
* Balseiro lembra que as consellerías de Mar e de Sanidade dispoñen dun informe científico “que avala a idoneidade dos métodos analíticos actuais e censuran por improcedente o cambio proposto pola Comisión Europea”, que afectaría “negativa e irreversiblemente” á produción mitícola e marisqueira galega sen achegar “ningunha mellora na seguridade alimentaria pública”.
Santiago, 13 de novembro de 2009.- O Grupo Parlamentario Popular de Galicia ven de rexistrar na Cámara unha iniciativa dirixida a que a Xunta reclame ao Goberno central que emita as instruccións oportunas ante a Axencia Española de Seguridade Alimentaria e Nutrición (AESAN) para que vote de xeito negativo á proposta da Comisión Europea pola que se pretende o cambio no modelo de análise das biotoxinas presentes nos moluscos bivalvos. O portavoz de Mar do Grupo Popular, José Manuel Balseiro, advertiu hoxe en rolda de prensa de que ese novo sistema podería dar como resultado o peche dun importante número de instalacións bateeiras en Galicia. A proposición non de lei presentada por Balseiro reclama tamén que o Goberno central desenvolva todas as xestións que estime oportunas ante a Unión Europea na defensa da continuidade dos actuais límites de control dos índices de toxicidade para a comercialización dos produtos do mar.
O deputado lembrou que, coas análises actuais, “moitos polígonos bateeiros permañecen pechados durante 200 ou 300 días ao ano, en campañas especialmente intensas de marea vermella”, pero, de levarse adiante a súa substitución polas medidas moito máis restrictivas que propón a UE, “os peches poderían prolongarse ininterrompidamente nalgunhas rías durante todo o ano” e mesmo as bateas afectadas deixarían de ser rendibles, polo que “moitas delas estarían abocadas á desaparición”.
Balseiro salientou que o Goberno de Núñez Feijóo “está a desenvolver múltiples xestións para corrixir esta situación” e considera imprescindible que os representantes do Estado español na Unión Euuropea “adoiten como propios os postulados expostos pola Xunta de Galicia” para “liderar a defensa dos intereses de Galicia”. A conselleira do Mar, explicou, “mantivo un encontro co Comisario Europeo de Pesca e Asuntos Marítimos en Bruxelas e deulle conta das excelentes técnicas de depuración existentes en Galicia”, técnicas que, resaltou, garanten que o produto marisqueiro galego “chegue ao consumidor en perfectas condicións, sen ningún risco para a saúde”.
INFORME CIENTÍFICO
Nese sentido, Balseiro lembrou que as consellerías de Mar e de Sanidade dispoñen dun informe científico “que avala a idoneidade dos métodos analíticos actuais e censuran por improcedente o cambio proposto pola Comisión Europea”, que afectaría “negativa e irreversiblemente” á produción mitícola e marisqueira galega sen achegar “ningunha mellora na seguridade alimentaria pública”. Así, na proposición non de lei ínstase tamén a dar traslado con carácter de urxencia ao resto dos estados membros do Comité Permanente da Cadea Alimentaria e de Sanidade Animal (CFCAH) do dito informe científico, “que avala a continuidade do modelo actual que se ten demostrado altamente eficaz para a protección da saúde pública”.
O deputado enmarcou esta iniciativa no compromiso do Partido Popular coas xentes do mar e remarcou que o peche das bateas que se derivaría da modificación do sistema “non só prexudicaría aos mexilloeiros galegos”, senón “a toda a industria auxiliar, aos milleiros de postos de traballo que de xeito indirecto xeran”, tales como os da industria da madeira, a da transformación, cocedeiros, conserveiros e restauración, entre outros. Cómpre, polo tanto, “efectuar a presión precisa para poñer freo inmediato ás presas da UE para cambiar un método válido por outro que a día de hoxe non o é”, indicou Balseiro, quen considerou que “se Zapatero está impaciente por presidir a Unión Europea, tamén o estará por garantir que en Europa non se adopten decisións contrarias ao seu país”.
Así mesmo, o portavoz de Mar do Grupo Popular salientou o “compromiso de transparencia e información co sector” que está a desenvolver a Consellería do Mar mediante os contactos mantidos en diversas ocasións con representantes das organizacións do sector, de xeito que “todos eles están informados dos pasos que ten previsto dar a Xunta de Galicia”. Unha actitude que o deputado subliñou que “nada ten que ver co alarmismo do que nos acusou no seu día a deputada socialista Marisol Soneira”, á que pediu que explicara “por qué non actuaron antes se coñecían a pretensión da UE”.