Nota de Prensa
Así mesmo, organizou un encontro, celebrado esta mañá, do dono do pazo co director xeral de Patrimonio da Xunta ao obxecto de estudiar vías de colaboración para a súa consolidación
A DEPUTADA DO PPdeG EMMA ÁLVAREZ PRESENTA UNHA INICIATIVA NO PARLAMENTO EN DEFENSA DA FORTALEZA DE TOVAR, EN LOURENZÁ
A construcción, emblemática do concello de Lourenzá e de interese turístico e cultural para A Mariña de Lugo, atópase nun estado bastante ruinoso, de forma que, malia conservar todas as paredes e muros, o tellado e os pisos están seriamente danados. Así mesmo, un dos laterais do edificio presenta unha greta grosa que pon en entredito a supervivencia do pazo.
A deputada considera do máximo interese que a Administración “se implique na protección da Fortaleza”, dado o seu valor histórico e arquitectónico “e a súa privilexiada situación, preto da costa e do Camiño de Santiago e a escasos quilómetros do Mosteiro de San Salvador de Lourenzá, declarado Ben de Interese Cultural”.
Así, ademais desta iniciativa, Álvarez Chao organizou un encontro, celebrado esta mañá, do dono do pazo co director xeral de Patrimonio da Xunta ao obxecto de estudiar vías de colaboración para a súa consolidación. Na dita xuntanza, á que asistiu tamén o alcalde de Lourenzá, acordouse establecer unha colaboración do propietario co Concello, de xeito que o edificio sexa cedido a este para que a Xunta poida executar o proxecto de consolidación e as actuacións necesarias para converter o edificio nunha ruina visitable.