Nota de Prensa
Socialistas e nacionalistas deberían entoar o “mea culpa” despois de que nos catro últimos anos os trámites administrativos da Vía de Altas Prestacións entre Ferrol e Barreiros non teña avanzado
OS POPULARES BOTAN EN FALTA AUTOCRÍTICA NAS FORZAS DO BIPARTITO POLO ATRASO QUE ACUMULA O CORREDOR DA COSTA
• Nin a Xunta bipartita, nin o Executivo de Zapatero foi quen, ata o momento de iniciar as obras desta vía en ningún dos treitos lucenses.
• Os populares preguntan ao PSOE como é posible concibir o corredor como unha vía estratéxica para a dinamización social e económica de Galicia á vez que desde o Goberno socialista central tan só achegan 10.000 euros para o treito estatal, fronte aos 40 M€ que prevé a Xunta.
A Mariña, 27 de novembro de 2009.- O Partido Popular da Mariña bota en falta certo nivel de autocrítica por parte das forzas do bipartito tendo en conta o enorme atraso que acumula o proxecto de construción do corredor da costa. En opinión da formación política popular tanto socialistas como nacionalistas deberan ter a valentía de entoar o mea culpa e recoñecer a súa grande responsabilidade nesta situación, despois de que nos catro últimos anos os trámites administrativos para a posta en marcha dunha vía de altas prestacións (VAP) entre as localidades de Ferrol e Barreiros non teñan avanzado nada.
NIN UN SÓ QUILÓMETRO EN OBRAS
Os populares lembran que nin a Xunta bipartita nin o Executivo de Zapatero foi quen de, ata o momento, iniciar as obras desta vía en ningún dos treitos lucenses, iso a pesar de que dispuxeron de consignación orzamentaria cada un dos anos nos que estiveron no Goberno. “Prevían investir cartos e recursos públicos no corredor pero non o fixeron, e agora en vez de recoñecer a súa responsabilidade, botan balóns fóra e pretenden culpabilizarnos a outros”.
CARA DURA SOCIALISTA
Desde o Partido Popular da Mariña preguntan ao PSOE como é posible que, despois de afirmar que conciben ao corredor como unha vía estratéxica para o crecemento e dinamización social e económica de Galicia, desde as administracións nas que teñen ou tiveron responsabilidades de Goberno non foron que de investir un só euro. De feito creen que mostra da cara dura do PSOE está en que no 2010 o Goberno socialista central tan só prevé achegar para o treito estatal do corredor, 10.000 euros. Unha cantidade moi inferior aos 40 millóns de euros que prevé investir a Xunta. “Ou poñen sobre a mesa os mesmos cartos para o corredor ou mellor que estean caladiños, por vergonza”
PP: COMPROMISO COA MARIÑA
Convencidos de que socialistas e nacionalistas lonxe de poñerse na postura de reivindicar terían que pedir perdón aos veciños da Mariña, os populares da nosa comarca asumen o compromiso de traballar arreo para axilizar estas actuacións e para que o corredor da costa deixe de ser unha liña imaxinaria sobre o papel e os planos para pasar a ser “unha realidade próxima, unha nova estrada acorde co século no que vivimos e da que poidan beneficiarse veciños, empresas e visitantes da nosa comarca”.