RIBADEO (FNC) .- O pleno extraordinario celebrado na tarde de onte aprobou por unanimidade o I Plan de Igualdade de Homes e de Mulleres do Concello de Ribadeo. A edil de Muller, Mariluz Álvarez Lastra, “valorou de xeito moi positivo a participación do Consello Municipal da Muller na súa elaboración”. En dito consello están presentes unha trintena de asociacións, colectivos e profesionais da sanidade e da educación de Ribadeo.
O I Plan de Igualdade está composto por diversas áreas, entre as que figuran: educación, saúde, conciliación da vida familiar e laboral, fomento da cultura e do ocio… Agora unha comisión de avaliación e seguimento do plan será a encargada de poñelo en marcha e de adaptalo á realidade de Ribadeo. Luisa González, responsable do CIM, explicou que “se trata dun instrumento importante de traballo para tentar conseguir a igualdade entre homes e mulleres en Ribadeo, e tennos que servir para actuar”.