RIBADEO (FNC) .- No pleno ordinario celebrado onte no Concello de Ribadeo foi aprobada a modificación da ordenanza da taxa reguladora do servizo de mercado que suporá a domiciliación dos pagos dos vendedores que acuden a esta cita semanal.
O alcalde, Fernando Súarez amosou a súa satisfacción “porque neste pleno ordinario celebrado onte a práctica totalidade dos asuntos foron adiante cuns votos ou con outros. O que sí lamento son o comportamento e as actitudes dalgúns dos concelleiros que forman parte dos grupos da oposición. Foi un comportamento totalmente inxusto e falto do mínimo de cortesía institucional ademáis de faltarlle á verdade en moitas das cuestións”.
O rexedor explicou que “foi para adiante a aprobación da modificación da ordenanza da taxa reguladora do servizo de mercado. Agora os ambulantes deberán domiciliar os seus pagos no banco ao igual que a xente que acude a diferentes servizos que presta o Concello como poden ser a Escola de Música, a piscina, alguén que ven solicitar unha licenza de obra… é dicir que sexa un comportamento máis propio do século XXI que do século XIX de que un cobrador vaia solicitando o importe das taxas semanais”. Este punto contou cos votos favorable do BNG e a abstención de PP, PSOE e UPRI.
Suárez Barcia engadiu que “tamén foi adiante a iniciativa de que a Deputación Provincial de Lugo teña unha encomenda de xestión de cara a contratar a subministración eléctrica aos edificios e servizos municipais para que ao Concello lle poida sair máis económico. E quedou aprobada definitivamente a modificación do regulamento de voluntarios de Protección Civil do Concello de Ribadeo”.