SANTIAGO .- O Parlamento de Galicia deu hoxe luz verde ao proxecto de Lei de modificación da Lei 11/2008,do 3 de decembro, de pesca de Galicia que abarca a modificación de 82 aspectos do texto da normativa, coa finalidade de adecuarse á realidade e ás demandas do sector pesqueiro, marisqueiro e acuícola. Na votación celebrada no Parlamento, as emendas que pedían a devolución do proxecto non saíron adiante, polo que o articulado segue o seu trámite parlamentario.
A conselleira remarcou que o articulado “é un compromiso do Goberno e da Consellería do Mar co sector, que necesitaba dun novo texto normativo” e definiuno como “a ferramenta que dará posibilidades de futuro a unha área productiva de Galicia”. Rosa Quintana remarcou que “a apertura, a participación e o consenso” son as bases desta lei “na que participaron todos aqueles que quixeron participar, con tempos e formas adecuados”. Así, segundo explicou a titular de Mar, o proxecto foi remitido a 114 entidades e asociacións do sector, ademais do Consello Galego de Pesca -que deu o respaldo case unánime ao texto- ao Consello Económico e Social e aos grupos parlamentarios.
Na súa intervención, Rosa Quintana salientou “o cumprimento da promesa de traer a lei antes do remate daqueles seis meses que pedíamos para traballar a prol do sector” para o que o seu departamento traballou “dende o minuto un da lexislatura con axilidade e rapidez e coordinado co sector”. A conselleira fixo fincapé en que se trata dun proxecto de lei “realizado co sector, desde o sector e para o sector, dun texto baseado no consenso, eles o apoiaron e participaron na súa definición”.
A conselleira repasou as principais novidades da futura normativa, que incide de maneira especial en darlle solidez e validez ás confrarías, na modificación do cómputo do período concesional das bateas, e na recuperación da figura do permiso de explotación (Permex). Ademais, o articulado propón que o Servicio de Gardacostas e o Instituto Tecnolóxico para o Control do Medio Mariño (INTECMAR) continúen tendo o seu propio marco xurídico, para evitar as complicacións e ineficiencias administrativas que suporía a súa extinción como entes de dereito público.
O obxectivo desta actuación, segundo explicou a responsable de Mar, é reformar a lei para dotar de seguridade xurídica “a un sector necesitado deste sustento de cara a efectuar os seus investimentos e planificacións para o día de mañá” e de cara a mellorar aqueles aspectos do articulado redactado polo anterior executivo cos que o sector estaba desconforme.
“Queremos que a lei saia adiante porque permitirá dar un carácter integral á pesca, ao marisqueo, e á acuicultura e axuntar estas actividades en eixes de traballo conxunto con outros eidos productivos como a transformación ou a comercialización, verdadeiros obxectivos”, salientou. E engadiu que a nova lei “consolidará as competencias que Galicia veu asumindo nestes anos e asentará o equilibrio necesario entre os eidos ambientais, económicos e sociais, o auténtico eixe do futuro da pesca no que se contabilizarán os recursos, as persoas e as empresas”.
Superado o debate de totalidade, o proxecto de Lei de pesca de Galicia segue o seu curso parlamentario, e os grupos parlamentarios deberán presentar agora as emendas parciais ao articulado. O texto e as propostas de modificación serán discutidos na ponencia a levar a cabo na Comisión oitava, de Pesca e Marisqueo, estando previsto que a nova lei se aprobe na primeira quincena de decembro.