Site icon Crónica3.com A Mariña

O Observatorio da Mariña pola Igualdade fala no IES Monte Castelo de Burela sobre violencia

BURELA .- Carolina García e Olga Castro do Observatorio da Mariña pola Igualdade imparten unha charla no IES Monte Castelo de Burela sobre “Violencias visíbeis… e invisíbeis: da publicidade ao aborto”. Esta actividade enmárcase dentro dos actos de sensibilización contra a violencia de xénero.

Nota de Prensa

O Observatorio da Mariña pola Igualdade estará hoxe pola tarde no IES ‘Monte Castelo’ para dar unha charla sobre “Violencias visíbeis… e invisíbeis: da publicidade ao aborto”

A actividade formativa, na que participarán Carolina García e Olga Castro, enmárcase dentro dos actos de sensibilización contra a violencia de xénero

A partir das 17.15 horas as membras e directivas do Observatorio Carolina García e Olga Castro estarán no IES Monte Castelo de Burela para impartir a charla “Violencias visíbeis… e invisíbeis: da publicidade ao aborto”. O obxectivo desta actividade, promovida polo profesorado do centro educativo en colaboración co Observatorio da Mariña pola Igualdade, é achegarlle ás mozas e mozos unha visión global sobre a violencia de xénero desde un enfoque de prevención. Con este obxectivo, tratarase de amosar que mentres que hoxe se fala moito da violencia de xénero máis explícita (aquela que acaba en agresións físicas ou asasinatos de mulleres), as verdadeiras causas que son caldo de cultivo para esta violencia radican na construción dos roles de xénero dunha forma moi discriminatoria para as mulleres.

Por iso, as relatoras tratarán de desenmascarar algunhas violencias contra as mulleres que na actualidade aínda permanecen máis invisíbeis, pero a través das que se van construíndo estas percepcións discriminatorias sobre as mulleres que acaban en formas de violencias máis explícitas. Entre elas, destacarán o papel dos medios de comunicación, da publicidade, da linguaxe sexista e da negación ás mulleres a decidiren sobre o seu propio corpo, por exemplo no caso do aborto. A este respecto, destacarase como as cuestións dos dereitos das mulleres poden avanzar pero tamén retroceder, pois por exemplo no ano 1936 a ministra Federica Montseny aprobara en España unha lei do aborto que o contemplaba como dereito na sanidade pública e de forma gratuíta. Hoxe, 73 anos despois, aínda estamos ás portas de volver recuperar ese dereito que nos quitaron.

A actividade formativa enmárcase dentro dos actos de sensibilización contra a violencia de xénero que teñen en marcha tanto o Observatorio da Mariña pola Igualdade como o centro educativo IES Monte Castelo.

Exit mobile version