Site icon Crónica3.com A Mariña

O conselleiro de Presidencia visita o concello de Cervo

CERVO .- O alcalde de Cervo, Alfonso Villares, anunciou hoxe que o titular da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, visitará mañá á unha do mediodía o municipio cervense para comprobar in situ o resultado das obras de rexeneración do Conxunto Histórico-Artístico de Sargadelos levadas a cabo polo seu departamento para arranxar os efectos ocasionados en xaneiro pasado polo ciclón Klaus nesta zona de interese patrimonial.

O alcalde cervense aproveitou este anuncio para lembrar “o esquecemento” sufrido por Sargadelos nos catro anos de goberno bipartito na Xunta “a pesares das continuas e sistemáticas peticións” remitidas dende o Concello. Tamén recordou que os anteriores gobernantes autonómicos “tan só se limitaron a facer mercadotecnia” co Conxunto Histórico-Artístico sargadeliano e asegurou que Quintana e Touriño “tan só viñeron aquí para facerse a foto, porque as súas promesas de investimentos e de arranxos para esta área non foron máis que palabras valeiras que nunca quixeron cumprir” asegurou.

“Tivo que ser o novo goberno da Xunta quen tivo que arranxar ese esquecemento e por iso agradecemos a visita de mañá do Conselleiro” recalcou Villares. Alfonso Rueda está previsto que chegue ao concello ás 13.00 horas.

Exit mobile version