BURELA (FNC) .- A Concellaría de Mar, que dirixe Remedios López, está a preparar por segundo ano consecutivo a campaña de Nadal para as peixerías. A edil socialista explica que “este ano igual que o ano pasado faremos faremos o sorteo dunha cesta doada por ABSA co mellor peixe e marisco que se vende no noso peirao, e imos promocionarnos en prensa, radio e televisión”.
Remedios López sinala que “o noso obxectivo é publicitar, dar a coñecer e asesorar á xente para que no Nadal merque os nosos produtos. Decembro é un mes moi consumista, onde se mercan cousas innecesarias, e moitas veces a xente quere aforrar no principal que é a comida”. A concelleira de Mar considera que “agora é o momento de agasallar á nosa familia co mellor que temos en Galicia, peixe e marisco de calidade, mercando diariamente nas peixerías que participen e así entraremos no sorteo da cesta”.
Durante todo o mes de decembro repartiranse papeletas cada vez que se merque un produto subastado no peirao de Burela, nas peixerías participantes, coas que está a contactar o Concello. Ramedios López asegura que “a maioría ve moi positiva esta iniciativa, e algunhas incluso nos chamaron para preguntar ou recordar se este ano iamos seguir coa mesma campaña que o ano anterior. Así que esperamos que todas participen”.