Site icon Crónica3.com A Mariña

O Concello de Ribadeo intensificará a vixilancia dos inmobles abandonados e sancionará si é necesario

RIBADEO (FNC) .- O alcalde de Ribadeo, Fernando Suárez, considera que o estado de moitos edificios abandonados do casco vello mellorou, pero recoñece que as medidas postas en marcha desde o Concello non chegan. Ademáis anuncia que se vai intensificar a vixianza para que os propietarios se involucren no coidado destes inmobles que moitas veces poden supoñer un risco para os viandantes.

Suárez Barcia sinala que “levamos máis dun ano actuando e iniciando unha serie de expedentes sobre diferentes inmobles do casco vello que estaban nunha situación lamentable. Todos eles a proposta dos servizos técnicos do Concello, nalgún fixemos algunha intervención subsidiaria e noutros impuxemos algunha sanción, sempre a criterio dos técnicos municipais”.

O rexedor asegura que esto xa empezou a dar os seus froitos, “hai edificios, como a aduana vella, que están en trámite de serlles outorgada a licenza de obra para proceder á súa reparación, e hai outros que están na redacción dos proxectos  e todo promete que se van ver restaurados dentro de pouco tempo. Abrimos aproximadamente unha veintena de expedentes para todo o casco vello, a toda esta xente se lle ofreceu colaboración municipal, tramitación de axudas económicas importantes, incluso moitos deles poden beneficiarse de que a redacción dos seus proxectos poida vir dada polo propio Concello, pero todo esto sendo bó é evidente, a xulgar polos últimos acontecementos, que non chega”. Fernando Suárez manifesta que “neste último caso, o da pasada fin de semana, os propietarios dese edificio do que caeu unha parte xa estaban advertidos desde hai meses do perigo polo propio Concello”.

Dereitos e obrigas

O alcalde anuncia que “agora imos intensificar a vixianza de todos estes expedentes, imos ir polo muido e imos facer que os propietarios se involucren polas boas ou polas malas, porque despois si pasa algo a cidadanía vaille esixir responsabilidade ao Concello. Nós non podemos nin debemos mirar para outro lado, temos que dialogar con todo o mundo, pero con quen non quere dialogar, con quen nos devolve as notificacións, con quen se nos escuda dicindo que hai máis propietarios ou que non se levan ben entre eles ou que queren facelo pero que non poden, pois miren o que teña propiedades ten dereitos pero tamén ten obriga. E senón están en condicións de darlle unha seguridade, un ornato ou unha salubridade públicas o que deben facer é vender ese inmoble ou cedelo a unha administración pública ou ao Concello que seguramente poidamos facer algo con todos eles”.

Fernando Suárez suliña que “todos estes expedentes van chegar a unha conclusión vía multa coercitiva ou execución subsidiaria si a seguridade pública así o require”.

Exit mobile version