BURELA (FNC) .- O alcalde, Alfredo Llano, valora de xeito moi positivo o millón de euros que recibirá o Concello a través do Fondo Estatal para o Emprego e a Sostibilidade Local.
O rexedor contou que “esa reunión que tivemos onte en Facenda en Lugo convocada pola Delegación do Goberno serviu para presentar o novo Fondo Estatal para o Emprego e a Sostebilidade Local. Estamos satisfeitos porque a Burela para o ano que ven correspóndelle casi un millón de euros, dos que para gastos sociais irán casi 199.000 euros e para investimentos teremos 792.000 euros”.
Llano considera que “é unha boa noticia porque a financiación dos Concellos está bastante mermada, vese claramente que van decrecendo moitas das partidas, tanto as aportacións do Estado como as da Xunta van baixando un pouco e todo o que sexa mellorable en inversións e en atención social é tremendamente positivo. Estes cartos aportarán aos presupostos do ano que ven unha axuda enorme”.
O alcalde engadiu que “temos dous ou tres meses para aportar proxectos, e o que imos facer é poñernos a traballar. Xa temos pensado algúns deles, como poden ser obras de separativos de pluviais e residuais, traballar sobre a EDAR, ver as necesidades que pode haber en materia de infraestructuras na vila para mellorar a súa accesibilidade, e actuacións en educación e gasto social. Haberá que calcular e distribuir ben as inversións para que permanezcan no tempo e agardamos que sirvan para crear emprego sostible. Esa partida será moi positiva para Burela de cara a mellorar infraestructuras e servizos importantes para os nosos veciños”.