Site icon Crónica3.com A Mariña

O concello de Burela elimina o complemento de produtividade do ano 2009 para contratar máis persoal

BURELA (FNC) .- A comisión paritaria do Concello decidiu por unanimidade eliminar o complemento de produtividade deste 2009 e destinar eses fondos a realizar contratacións de persoal durante o vindeiro ano. Así o anunciou hoxe o alcalde de Burela.

Alfredo Llano contou que “onte reuninme na comisión paritaria cos representantes dos traballadores, foi unha convocatoria extraordinaria para falar de varios asuntos entre os que destacan o pago da produtividade e a elaboración da RPT. Con respecto á produtividade de 2008 que se abonou o pasado mes de setembro, explicáronse os criterios nos que se baseou esta alcaldía para distribuír ese complemento. Non houbo inconvenientes e entenderon as nosas razóns para efectualo dese xeito, os criterios xa foran aprobados en pleno e se distribuíron xunto coa nómina para que fosen coñecidos por todos os traballadores e o único que se fixo foi aplicar eses criterios, e creo que saiu da maneira máis honrada posible”.

O rexedor explicou que “por acordo unánime dos representantes dos traballadores e dos do equipo de goberno decidimos retirar o complemento de produtividade deste 2009 e os fondos que puideran existir destinaranse a realizar contratacións de persoal durante un tempo. Eso sería moito máis positivo que facer un reparto da produtividade que ó mellor non é suficiente para os traballadores. Esto sería unha medida máis solidaria e máis importante e crearía emprego no Concello de Burela, por tanto houbo unanimidade para facelo así”. Alfredo Llano engadiu que “tamén nesta reunión e falando de produtividade despois de facer o reparto correspondente tivemos un remanente duns 8.000 euros, e acordamos que unha parte desa partida se destine a empregar a tres ou catro persoas o vindeiro mes de decembro. Queda así clara a solidariedade que existe cara a creación do emprego en Burela. Paréceme moi ben que os representantes dos traballadores de Burela decidisen por unanimidade esta cuestión”.

O alcalde manifestou que “outra cousa da que se falou foi a RPT que se está a elaborar e na que traballan técnicos da Deputación e tamén do Concello e chegamos á conclusión de que íamos incorporar a unha comisión de seguimento desta nova RPT a representantes dos traballadores. Eles proporán algunha persoa nós aceptarémolo e formarán parte de dita comisión. Quero destacar que existe entendemento entre a alcaldía e os representantes dos traballadores porque o único que pretendemos uns e outros é que o Concello de Burela funcione da mellor forma posible e ofreza un bo servizos ós cidadáns”.

Exit mobile version