Site icon Crónica3.com A Mariña

O Centro de Información ás Mulleres de Burela organiza un obradoiro de musicoterapia

BURELA (FNC) .- O vindeiro xoves, día 12 de novembro de 2009, ás 16 h., na Casa da Cultura celebrarase unha actividade programada polo Centro de Información ás Mulleres de Burela e organizada polo Servizo Galego de Igualdade, dependente da Secretaria Xeral da Igualdade da Xunta de Galicia e cofinanciada polo Fondo Social Europeo e o Instituto da Muller. Trátase dun Obradoiro de Musicoterapia.

Segundo explica a concelleira de Igualdade, Neves Cando, “durante catro horas as participantes realizarán traballos con sons do ambiente, experimentos acústicos con diferentes materiais, instrumentos de fabricación caseira, xogos rítmicos coas distintas partes do corpo, bailes e danzas, un achegamento ás músicas do mundo, aprender a respirar ou cancións e xogos de reacción e movemento. A metodoloxía, eminentemente práctica, busca como obxectivos potenciar o emprego da música e o ritmo como comunicación, favorecer a interacción e participación social, desenvolver a creatividade, gozar da música a través do xogo e educar para a saúde, entre outros fins”.

A inscrición, que é gratuíta, deberá facerse no Centro de Información ás Mulleres, na Casa do Concello, en horario de 8:00 a 15:00 horas.

A edil nacionalista engade que “esta é a segunda actividade que se desenvolve durante este mes de novembro dirixida ás nosas mulleres. Este pasado xoves día 5 tivo lugar a primeira e consistiu nun obradoiro sobre consumo responsable”.

Exit mobile version