Nota de Prensa
O GRUPO PROVINCIAL DO BNG LEVARÁ A PLENO UNHA PROPOSTA DE ACORDO DE GOBERNO PARA INSTAR Á XUNTA E AO ESTADO A COMPROMETÉRENSE EN DAR PRAZOS PARA O CORREDOR BARREIROS-FERROL
O nacionalista Antonio Veiga recalcou que é necesario que ambas Administracións se impliquen para rematar co agravio en infraestruturas viarias que padece
o litoral cantábrico de Galiza
Veiga sinalou que pode ser un pleno moi interesante o do 24 de novembro xa que é posíbel que se asista a unha oposición bipartita por parte do PP
Tal como expuxo o nacionalista Antonio Veiga, a proposta de acordo de goberno que se vai someter a aprobación en pleno vai no camiño de facer que a Deputación de Lugo inste á Xunta de Galiza e ao Goberno de España a que se rematen nuns prazos razoábeis unhas infraestruturas viarias que son de vital importancia para o desenvolvemento socioeconómico da Mariña luguesa e tamén da Coruña. Do mesmo xeito, o portavoz provincial nacionalista lamentou os prazos que o conselleiro de Medio Ambiente, Infraestruturas e Territorio daba –respondendo por escrito a unha iniciativa formulada polo BNG no Parlamento Galego- a ollos das previsións orzamentarias feitas polo PP (que reducen a menos dun terzo a asignación para a realización do Corredor, baixando de 17 millóns de euros a 4.5 millons), situando a finalización da VAC San Cibrao-Ferrol no 2017, cando as partidas orzamentarias manexadas polo anterior goberno bipartito situaban o remate desta obra no 2013. Para Antonio Veiga, “os orzamentos previstos polo goberno do PP o único que van facer é agravar o problema das infraestruturas viarias na provincia de Lugo”. O nacionalista Veiga confiou en que esta proposta de acordo teña un respaldo unánime por parte da Corporación Provincial e a iniciativa redunde nun beneficio para a cidadanía da comarca da Mariña.
Ademais de dirixirse ás Administracións do país e á do Estado, Veiga sinalou que este acordo pretende tamén “facer que a cidadanía sexa consciente deste problema” e, neste sentido, pediu que a Mesa polas Infraestruturas da Mariña –plataforma que se constituíu hai anos para impulsar iniciativas relativas ao desenvolvemento das comunicacións e infraestruturas na comarca- se volvese a reunir.
Por outra banda, referíndose á importancia do pleno do vindeiro martes 24 de novembro, o portavoz do grupo provincial do BNG dixo que “ademais da importancia intrínseca deste acordo que se pretende aprobar –xa que é o maior investimento en infraestruturas viarias que se ía realizar na provincia nestes anos-, será un pleno moi interesante xa que á vista dun escrito que presentou o PP solicitando que un dos seus deputados, Manuel Lorenzo Varela, deixe de pertencer a ese grupo, estaremos diante dunha oposición bipartita, se iso se confirma”.